Axenda

XVIII Encontros de Música Tradicional
sábado 03 xuño 2017
Vistas : 203

OS ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL CELEBRAN A SÚA MAIORÍA DE IDADE

Organizada pola Asociación Intercultural Santa Ferreña, a xa consagrada cita coa música e cultura tradicional ten lugar, coma sempre, o primeiro sábado de xuño


Silleda, 21 de maio. Van xa dezaoito edicións deste encontro imprescindible para amantes da cultura e da música tradicionais: este sábado 3 de xuño, o Mosteiro de Carboeiro e a súa contorna serán un ano máis o escenario dos Encontros de Música Tradicional, froito do traballo da Asociación Intercultural Santa Ferreña e centos de persoas que colaboran achegando o mellor de si.

O programa comezará, como decote, arredor da unha, cunha sesión vermú amenizada polos grupos da bisbarra, seguido pola procesión da Santa Ferreña, a querida e coñecida santa pagá que convoca todos os anos centos de devotos e devotas, acompañada polos papamoscas de Viravolta. Pero antes hai que poxar as andas... Os postos para levar a Santa serán para quen máis ferreños pague por eles, seguindo tamén a tradición. Este ano, como novidade, haberá coca.

...Para ir a unha espadela
Como cada ano, poderase visitar durante todo o día unha exposición centrada na nosa cultura popular tradicional. Este ano a mostra “... Para ir a unha espadela”, que xa estivo no Museo do Pobo Galego, recolle estas pezas artesás, que alén de ser ferramentas de traballo relacionadas co cultivo do liño tiñan un enorme valor simbólico e antropolóxico. As espadelas e espadeleiros do Val de Vea, case descoñecidos para o público en xeral e mesmo consideradas exclusivamente portuguesas por algúns etnógrafos. 
Este instrumental miúdo para o traballo do liño entronca coas relacións de veciñanza que se establecían a través do traballo comunitario. Era un traballo case exclusivamente feminino, un proceso longo e laborioso que esixía grande esforzo e implicaba a toda a comunidade: cultivo, colleita, obtención da fibra e transformación desta en fío eran os pasos previos á elaboración de tecidos. Un proceso arduo que remataba por implicar ás veciñas e parentes, e por converterse nun evento social. Todas acudían coa súa espadela e espadeleiro, decoradas con rosáceas, soles, rodas, abanos, cordóns, custodias e corazóns con incrustacións de cristais e espellos e con policromía variada. Esta decoración ía en relación co prestixio social da artesá, converténdose estas pezas en “xoias” que tiñan o valor engadido de pasar de xeración en xeración. Regalos de namorados, encargadas a carpinteiros ou, as máis humildes, feitas por país, irmáns ou avós, as espadelas e espadeleiros que recolle esta mostra son testemuño dunha singular manifestación, non só laboral, senón tamén artística.
Música, contos e moito máis 
O xantar popular ofrece empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño ou auga e café “con gotas”, todo por 15 euros. Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...), e, xa pola tarde, para facer a dixestión, a parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais con Xandobela e Itaca. “Eira xandobeleira” é unha ludoteca itinerante con xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.

Ademais, no patio do mosteiro atoparase o “Recuncho do tocar”, para todos os músicos e músicas que queiran botar unhas pezas nun espazo máis recollido. Xa á tarde, Celso F. Sanmartín, “Celsiño”, contador lalinense que leva ben anos investigando na tradición oral, achega unha sesión de contos titulada “Vivir do conto, contar a vida”, na capela do mosteiro. Tamén haberá lugar e tempo para un faladoiro, “Por unas papas de arroz”, faladoiro arredor das espadelas no Val de Vea, coa espadeleira Estrella Eiras e o construtor de espadeleiros Manuel Iglesias.

E xa ao que se vaia facendo noite, seguirá a foliada, que durará... Ata que o corpo aguante. Desde a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro insisten en que esta festa é posible grazas ao traballo desinteresado e laborioso de moita xente, para o que agradecen a colaboración e comprensión de todas as persoas asistentes. Sinalan que para sufragar os gastos cóntase coa propia cantina da festa e cunha pequena axuda do Concello, así que convidan a quen queira manter viva esta festa a colaborar, e remarcan a importancia do respecto pola festa tal e como é, sen viren ao caso “picadiscos” espontáneos ou a presenza de xeneradores eléctricos para desenvolver outro tipo de festas, xa que os Encontros son unha vez ao ano e hai que gozalos tal e como son. Así se presenta unha nova edición dos Encontros. Como di a Santa Ferreña... Viva a xuventude e a xente vella que non morra!

------------------------------------------------------------------------------------------

XVIII ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL
3 DE XUÑO DO 2017 NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO (SILLEDA)

13h. SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

· Poxa das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA acompañada polos papamoscas de VIRAVOLTA. Haberá coca.

- APERTURA DA EXPOSICIÓN: 

'... PARA IR A UNHA ESPADELA' Os espadeleiros do Val de Vea, acompañada polos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere (Lalín) 

- FEIRA DE ARTESANÍA: con instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...

- XANTAR POPULAR (empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño/auga, café e ghotas -15€)


DURANTE ATARDE:

· 'EIRA XANDOBELEIRA' Xogos tradicionais para todas as idades con Xandobela e Itaca de Compostela.

· 'RECUNCHO DO TOCAR' no patio do mosteiro.

· 'POR UNHAS PAPAS DE ARROZ' Faladoiro arredor das espadelas no Val de Vea, coa espadeleira Estrella Eiras e o construtor de espadeleiros Manuel Iglesias.

· 'VIVIR DO CONTO, CONTAR A VIDA' Contada de Celsiño F. Sanmartín de Lalín.

E ao que se vaia facendo noite…

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!


VIVA A XUVENTUDE E A XENTE VELLA QUE NON MORRA!!

Lugar: Mosteiro de Carboeiro - Carboeiro (Silleda)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.