Axenda

Festival ao Compaz
From sexta feira 18 agosto 2017
To sábado 19 agosto 2017
Vistas : 882

Saumede é un lugar bastante máxico. É unha aldea galega do século XVII, no concello de A Bola, que foi abandonada hai trinta ou corenta anos ata que case todas as súas construcións quedaron en ruínas. Como calquera ruina, é un sitio fascinante, cheo da pegada da vida pasada. Pero de vez en cando, entre esas ruínas volven xuntarse as persoas e Saumede volve existir en presente. Este ano, a séptima edición do Festival Ao Compaz é iso: unha verbena diferente os días 18, 19 e 20 de agosto para celebrar que somos quen de resucitar maxicamente. Non hai procesión pero si que hai comida e bebida a prezos populares e música con entrada gratuíta.

O programa deste ano toca todos os paos: haberá música intimista e música agresiva, música para bailar e música para escoitar sentadas, música prevista e música improvisada no momento, cancións protesta e cancións de evasión, composicións fantasticamente complexas e composicións de emocións sinxelas, experimentación e xéneros populares. Dentro disto, algunha será música en directo interpretada por artistas de gran talento e outra música enlatada seleccionada por pinchadiscos de gran talento tamén. Listámolos a continuación por orde alfatética. Atendede ao evento para saber máis de cada un destes proxectos!


Concertos:
Cró!
Esteban & Manuel
Glitchgirl
Lamprea Explosiva
Meus
Monstruo
MontañaMuerte
Mounqup
Ocre
Thee Boas
Zurraspa

Pinchadas:
Amanecer Dorado djs
ARIES (dj set)
Sister Act 2 Djs
Super Noodles dj set
Touro dj
VitaminC dj


A maiores, o domingo haberá unha sesión vermú con máis pinchadas, mercadiño de artesanía e produtos ecolóxicos, xogos tradicionais, zona infantil e campeonato internacional de petanca.

Se estás pensando en vir, aquí van unha serie de consellos prácticos:

1. Saumede conta con zona de acampada e aparcamento gratuitos, ademais dun bar no que se servirá comida e bebida, sempre con opcións vexetarianas e a prezos asequibles. Non se acepta o pago con tarxeta, polo que recomendamos que traiades cartos en efectivo para poder consumir no bar. Os caixeiros, supermercados e establecementos comerciais máis próximos están en Celanova, a 10 minutos en coche.
2. Non hai transporte público para chegar a Saumede. Se ides vir en coche, animámosvos a compartilo neste evento para poder axudar á xente que non ten como vir e ser máis eficientes en xeral.
3. Polo día, como na provincia de Ourense en xeral, soe ir moita calor. Pero polas noites refresca: traede roupa de abrigo.
4. Saumede é parte da Área de Allariz, catalogada como Reserva da Biosfera. Por favor, respectádea e empregade as papeleiras e cinceiros.
5. A zona de acampada non ten iluminación de noite, así que é mellor que traiades linterna.
6. Hai duchas ao aire libre á disposición de quen acampe. Recomendamos traer chanclas para utilizalas.
7. Haberá carteis que vos indicarán como chegar a Saumede, pero recomendamos que busquedes antes ou sigades as instrucións deste enlace: https://asociacionelpueblosaumede.wordpress.com/como-chegar/
8. Se sacades fotos e queredes compartilas, empregade o hashtag#saumede para que poidamos velas todos!
9. Se tes calquera cuestión, podes preguntala neste evento ou escribindo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

O Festival Ao Compaz de Saumede non é un evento comercial, senón unha festa organizada pola Asociación El Pueblo Saumede e un grupo de persoas voluntarias, coa idea de dinamizar o lugar e servir de punto de encontro para creadoras e creadores artísticos. Ao ser gratuíto, as fontes de financiamento do festival e do proxecto de revitalización de Saumede son outras, coas que vos convidamos a colaborar:

1. O bar do festival: por favor, evitade traer comida e bebida de fóra e consumide os produtos ofertados pola organización.
2. Bote de donativos: durante o festival, estará á vosa disposición na barra un bote no que podedes botar as voltas ou o que consideredes oportuno para axudar a remunerar dignamente aos grupos e reparar algúns problemas pendentes de arranxar na aldea.
3. Crowdfunding: a Asociación creou unha campaña de micromecendo na que se ofrecen premios a cambio de aportacións que fagan posibles as obras e compras de material que nel se detallan: https://fr.goteo.org/project/festival-ao-compaz-de-saumede-2017

O cartel é obra de Pepa Prieto Puy
http://pepaprietopuy.tumblr.com/

Para que poidades organizarvos para mañá e pasado, tedes aquí os HORARIOS dos concertos!

VENRES 18
21:00 - Touro Dj
22:00 - MontañaMuerte
22:50 - Zurraspa
23:40 - Thee Boas
00:40 - Monstruo
01:30 - Lamprea Explosiva
02:00 - Super Noodles Dj Set
04:30 - Amanecer Dorado Djs

SÁBADO 19
13:30 - VitaminC Dj
21:00 - Ocre
21:50 - Mounqup
22:50 - Esteban & Manuel
23:50 - Cró!
01:00 - Meus
01:45 - Glitchgirl
02:30 - ARIES Dj Set
04:30 - Sister Act 2 Djs

Ademais contamos con outra sorpresa: Miss e Mister Saumede exercerán de mestres de cerimonias e estarán á vosa disposición para resolver calquera dúbida e saber máis sobre a aldea durante a vosa visita.

O domingo haberá pinchadas dos djs de guardia dende mediodía para amenizar o ambiente mentres se celebra o campionato internacional de petanca, se visita o mercado de artesanía e produtos ecolóxicos, e as nenas e nenos desfrutan da zona infantil ou os xogos tradicionais.

Lugar: Saumede (A Bola)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.