Axenda

Folk no Alobre
domingo 27 agosto 2017
Vistas : 243

O festival vaise realizar no parque do Castriño o domingo 27 de agosto durante todo o día
Co Festival FolK no Alobre queremos cubrir unha necesidade dupla na contorna de Vilagarcía de Arousa. Por unha banda, a posta en valor do patrimonio; a posta en valor do lugar máis importante do patrimonio e a memoria arousá. E Por outra banda, a necesidade cultural dun proxecto na vila que apoie, potencie e difunda a música do país; a cidade precisa dun proxecto que valorice a nosa música,lingua e culturas dun xeito lúdico e próximo á cidadanía e Folc no Alobre ven coa esperanza de ocupar este espazo e de recuperar este espazo e asocialo ao ocio, divertimento e historia da cidade.
Para este primeiro ano queremos comezar cun programa que anime a participar, descubrir a nosa música e danzas e que mobilice un público activo.
11:00- INAUGURACIÓN 
11:30- Obradoiro de Baile tradicional, para familias
Obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego con xogos, agarrados e algúns puntiños para bailar a muiñeira e a xota.
12:00- Obradoiro de fabricación de tarrañolas (prazas limitadas):
Neste Obradoiro, ademáis de construír as nosas propias tarrañolas, aprenderemos a técnica e execución dos ritmos básicos (muiñeira, xota, etc).
14:00- Xantar demorado → Trae a túa comida
17:00- Obradoiro de danzas do mundo con Serxio Cobos
As danzas do mundo lévannos para bailes de grupo con cambios de parella como as jigas (danza barroca alegre), polcas e valses de Europa. Outras danzas portuguesas, catalanas así como o Cempés de Colombia, o Funaná de Cabo Verde ou o Hula de Hawai daránnos o calor e os ritmos de terras máis lonxanas.
CONCERTOS
19:00- Grupo tradicional O Souto de Rubiáns
20:30- Primordiais 
Primordiais está formado por Marcelo DoBode e Luis Martíns, dous músicos do ámbito da música galega folk máis actual. Os dous artistas convídannos neste concerto a unha viaxe polas hortas onde medran e afloran toda a beleza que une a arpa coa voz e a percusión máis terrenal.
O seu primeiro traballo, "Droguería Moderna", é un exemplo de que a tradición musical galega continúa creando e innovando.
Con Primordiais vaise amosar que a música tradicional non se desvirtúa, senón que evoluciona da forma máis loxica posible, adaptándose perfectamente ás temáticas e peculiaridades do século XXI, pero mantendo a esencia e a tímbrica da tradición máis pura.
22:00- Habelas Hainas
Grupo de ampla traxectoria no mundo da música tradicional que en 2010 formaron catro mulleres, 
O seu punto de partida é a música tradicional e de raíz, sentíndose parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresárense, sempre dende unha ollada feminista e plural. Isto lévaas a explorar outras músicas, crear os seus propios temas e experimentar coa tradición. Esta permanente inquedanza reflítese na indagación e aproveitamento dos diferentes recursos dos instrumentos tradicionais, creando un son enérxico, fresco e orixinal.
23:00- Carapaus
Carapaus é un grupo de música tradicional formado en Santiago de Compostela no verán do 2010, integrado por Emilio Lois, gaiteiro da Baña, mestre en numerosas asociacións de música e cultura tradicionais, como OCT Ultreia; Oli Xiráldez (frautas), artesán e músico de longa traxectoria, membro de Chouteira e colaborador de Malvela, entre outros; Gustavo Couto (voz e tamboril), mestre de baile tradicional e coautor do libro Bailabén (Edicións do Cumio, 2010); Sabela Galbán (voz e acordeón), graduada en frauta traveseira polo Conservatorio de Música Superior da Coruña, e Martiño Galbán (bombo e voz), trombonista e percusionista en formacións como Vai de Roda ou os Fondãos do Pífaro.
Baixo a proclama Somos ghaiteiros, somos revolusionarios, Carapaus vai amosar neste concerto a música tradicional galega, así como fornecer con pezas de composición de fondo trazo tradicional o acervo cultural galego.

Lugar: Castro Alobre, Parque Enrique Valdés Bermejo - Vilagarcía de Arousa
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.