Axenda

III Muiñada de Vimianzo
sábado 21 outubro 2017
Vistas : 314

Vimianzo trasládase a mediados do século XX na III Muiñada

Ghaveta, Tanxugueiras e A Compañía do Ruido encabezan o programa musical

O sábado 21 de outubro Vimianzo volve á época da infancia de moitas veciñas e veciños ou de súas nais ou pais, avós e avoas. Un pasado labrego que se lembra con foliada, concertos, magosto, teatro, gastronomía, xogos, obradoiros e unha chea de actividades e curiosidades... Revivir a tradición, recuperar os traballos asociados ao millo como a esfollada, o debullado e finalmente o moer que se poderá ver ao vivo no propio Muíño da Agra, interesante monumento anterior ao século XVIII. Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado retro e de produtos ecolóxicos, ao xeito dunha feira das de antes. A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saíndo do Muíño da Agra, trasladándose ás rúas e diferentes establecementos da vila, con Cantos de Taberna, microteatro e Obradoiros de Muiñeira en lugares nada convencionais. Xa ás 16h a festa vívese baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas a cargo dos Campantes da Baña, que dará paso á apertura do Mercado Retro, a feira ecolóxica e unha pequena exposición de imaxes antigas do Val de Vimianzo. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes. Chega o teatro, coa compañía Trinke Trinke ás 16h45 e co alumnado do IES Terra de Soneira ás 17h30. Estes últimos realizarán unha pasarela de vellos oficios, que dará paso á visita teatralizada ao Muíño da Agra, que se irá facendo en varios pases. Seguidamente comezan os xogos populares, como o gran concurso de debullado de millo, obradoiros de muiñeira, de cantaría e de filloas. Precisamente isto abrirá o apetito para a Cea tradicional, con broa, empanada de millo, costela, filloas, caldo de rabizas con chourizo, e as esperadas papas de millo, que poucas veces se poden degustar. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos”. Coa comida e o magosto popular, a música da foliada de diferentes grupos da zona desembocará na noite de concertos cos grupos Ghaveta, Tanxugueiras e A Compañía do Ruído. A organización insiste na importancia da colaboración da veciñanza en diferentes aspectos da festa. Quen queira participar achegando imaxes antigas de Vimianzo, na feira de antigüidades ou na ecolóxica tense que poñer en contacto coa AC Cherinkas a través da súa páxina de facebook ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. Finalmente, pídese que as persoas que acudan á festa veñan vestidas ao xeito da época. É un xeito moi sinxelo de poder colaborar na ambientación da festa.

III Muiñada de Vimianzo – Sábado 21 de outubro de 2017 

Noite de concertos Música de calidade, a Muiñada aposta por sons emerxentes e de referencia, tendo pasado xa pola festa en anteriores edicións grupos como Caxade, De Vacas, Sebastião Antunes e a Quadrilha, A Roda... Nesta ocasión haberá tres grupos que protagonizan a noite de troula

GHAVETA Grupo de orixe vigués que afonda na música tradicional mediante instrumentos como a arpa, o bouzoki, as culleres ou o violín.

TANXUGUEIRAS Cantareiras emerxentes da zona de Teo e Barbanza, chegan a Vimianzo coa formación completa. A súa forza crecente ten explicación plausible no seu directo.

A COMPAÑÍA DO RUÍDO Formación máis desenfada que desde o 2002, ano da súa formación, ten a mestizaxe como bandeira mais sempre desde unha fonda raíz galega.

PROGRAMA

12h Choupos teatrais (Vila)

13h Cantos de Taberna (Vila)

16h Sesión Café: Os Campantes da Baña Apertura Mercado Retro e ecolóxico e da exposición fotográfica

16h45 Teatro infantil: Trinke Trinke

17h30 Pasarela de Oficios. Visita ao Muíño.

18h15 Debullada de Millo

19h Obradoiro de muiñeiras, cantería e filloas

20h CEA / MAGOSTO / FOLIADA

23h GHAVETA / TANXUGUEIRAS / A COMPAÑÍA DO RUÍDO

Lugar: Agra do Muíño - Vimianzo
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.