Axenda

Paco Nogueiras
domingo 12 novembro 2017, 18:30
Vistas : 171

PACO NOGUEIRAS PRESENTA O LIBRO-DISCO “RADIO BULEBULE” ESTE DOMINGO EN AMES

Tras o éxito de “Brinca vai!” o músico compostelán dedícalle á comunicación as doce cancións do seu novo traballo publicado por KALANDRAKA.

O Auditorio Municipal do Milladoiro, en Ames, acollerá este domingo ás 18:30 horas o primeiro concerto de presentación do novo libro-cd-dvd de Paco Nogueiras, “Radio BULEBULE”, publicado por KALANDRAKA, con ilustracións de David Pintor e videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo. As cancións deste libro-disco dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica. Intercalados entre os doce temas tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios do medio radiofónico, co que Paco Nogueiras destaca o papel da comunicación como canle de expresión e coñecemento, intercambio de opinións, nexo entre culturas e exemplo de avance tecnolóxico. Os ritmos modernos, pegadizos e bailables caracterizan estas composicións, seguindo o estilo de “Brinca vai!”. Co que fora o seu primeiro traballo discográfico propio, Paco Nogueiras recibiu o Premio Martín Códax da Música 2016 na categoría infantil e durante os últimos anos percorreu numerosos escenarios, festivais, escolas e bibliotecas de toda Galicia. Tanto nas ilustracións de David Pintor para o libro impreso como na posta en escena dos espectáculos, Paco Nogueiras consolida a inconfundible fisonomía do seu personaxe, cos seus lentes, a vestimenta azul e o inseparable chapeu; elementos que tamén están presentes na estética dos videoclips das cancións, artellados ao xeito dunha curtametraxe. “Radio BULEBULE” contou coas colaboracións do músico e comunicador Xurxo Souto e da asociación Ponte… nas ondas!, que asinan -respectivamente- o limiar e o colofón da obra. Ademais, participan unha ducia de xornalistas -Ainhoa Apestegui, Emilio Españadero, Xabier Fortes, Pablo Lago, Susana Pedreira, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Ana Romaní, Henrique Sanfiz, Tino Santiago, María Solar e Fernanda Tabarés- achegando impresións e anécdotas das súas traxectorias profesionais.

Lugar: Auditorio Municipal - O Milladoiro (Ames)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.