Axenda

2º Encontro de Mulheres Repentistas da Galiza
sábado 24 febreiro 2018, 18:00
Vistas : 169

As mulleres regueifeiras reúnense nas Cruces

Este sábado, 24 de febreiro, terá lugar o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza en Vila de Cruces, organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón.

Neste Encontro, que ten como obxectivo visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento, achegaranse a Vila de Cruces máis de quince repentistas de todo o país. O alumnado do instituto das Cruces convida a toda a veciñanza da comarca e da Galiza a participar neste evento aberto ao público. 

A xornada comeza ás 11.30 cunha Asemblea de Mulleres Regueifeiras, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Á tarde, ás 16.30 terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación un espectáculo de regueifa onde participarán regueifeiras de toda Galiza. 

No espectáculo participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, ao lado doutras repentistas como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela. 

No evento haberá un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do noso país. 

Despois do espectáculo, terá lugar ás 20.30 unha foliada regueifesta no Bar Txapela. 

O IES Marco do Camballón está a impulsar a improvisación oral en verso xunto ao IES de Baio através do Proxecto Regueifesta e con este Encontro quere facilitar ao alumnado do Camballón unha experiencia de organización e autoxestión. O alumnado da materia de 2º da ESO “Regueifa e improvisación oral en verso” dinamiza, xunto ao profesorado que orienta esta actividade, un proceso de xestión cultural do que son protagonistas.

O alumnado do IES Marco do Camballón convida a toda a veciñanza de Vila de Cruces a presenciar o Encontro de Mulleres Regueifeiras ás 18.00 no Auditorio Xosé Casal e ás 20.30 no Bar Txapela, actividades gratuítas e abertas para todas as idades.

Lugar: Vila de Cruces
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.