Axenda

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
sexta feira 28 Setembro 2018, 22:30
Vistas : 153

Romaría de Santa Minia//carballeira da Santa Minia
28 setembro//22,30h

O venres 28, e como colofón das celebracións deste ano, a Carballeira da Santa acollerá un gran concerto a cargo do músico Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, Xabier Díaz, que na actualidade reside na brionesa parroquia de Bastavales, atesoura unha longa carreira profesional no mundo da música tradicional chea de éxitos. Formou parte de agrupacións tan coñecidas e relevantes como Rumbadeira, Nova Galega de Danza, aCadaCanto ou Berrogüetto.

Asemade, colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. A súa presenza nos escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Zimbawe, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

Despois do éxito internacional acadado co disco "The tambourine man" (2015), regresa acompañado polo grupo Adufeiras de Salitre para presentar en Brión o seu novo traballo discográfico "Noró". Un álbum que profunda nas nosas raíces musicais a través dunha revisión do seu traballo de investigación e recuperación da tradición musical galega.

Xabier, acompañado polos irmáns Javier e Gutier Álvarez (acordeón, violín e zanfona) e as once integrantes de Adufeiras de Salitre, que dan voz e percusión ao grupo, actuarán en Brión o venres 28 de setembro nun recital de entrada libre que dende as 22:30 h. encherá a Carballeira de Santa Minia cos sons dunha música sólida e ancestral retrato sonoro dun norte no que habitamos e que nos define.

Lugar: Romaría de Santa Minia - Brión
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.