Axenda

IV Gala LGx15
quinta feira 15 novembro 2018, 18:00
Vistas : 219

O LGx15 (https://lgx15.gal/) chega á cuarta edición con ideas e propostas para a crianza, a divulgación científica, a empresa, a concienciación lingüística ou a autoestima. Grazas a oito novas persoas participantes que nos contarán de maneira entretida e divertida as súas experiencias e recomendacións para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Alén disto, haberá música e humor. A cita é o 15 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Serán oito charlas breves, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. Terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela o xoves 15 de novembro, ás 18.00 h.

As persoas convidadas nesta ocasión serán: Javier Balea (creador de Moléculas en galego, quen nos falará sobre divulgación científica e lingua), Eira Losada (estudante e youtubeira, que nos contará como ser un motor para a lingua), Mercé Barrientos (deportista e docente, que nos vai explicar a importancia da autoestima no deporte e no uso da lingua), Inma Gil Rosendo (xornalista na BBC, que falará sobre a concienciación lingüística desde fóra de Galicia), Manolo Maseda (músico e docente, que nos mostrará "A chave das noces" para dar un xiro á situación da lingua na mocidade), Xema Varela (empresaria e deseñadora Nanube, que nos falará do "efecto curuxa" no mundo empresarial), Ruth Caramés Ruth Fabaloba(bióloga, deseñadora e nai, quen nos descubrirá un mundo de recursos para a crianza en galego), e Aquel-e (milenial e youtubeiro, que nos falará da cultura pop como forma de conexión coas xeracións máis novas).

E haberá tamén nesta nova edición música en directo, humor e improvisación, pois contaremos coa actuación de Brais Morán e conducirán o acto as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco Vazquez (Regueifando pola vida). Un formato novo para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas.

As entradas para este evento están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente n' A Reixa Tenda de Compostela. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 € na billeteira).

O LGx15 é, polo tanto, un cóctel en forma de evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión, o orgullo e o futuro do galego.

Lugar: Sala Capitol - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.