Axenda

Tanxedoras
sexta feira 16 novembro 2018, 20:00
Vistas : 231

Concerto:

Presentación do disco "1952. Homenaxe a Alan Lomax", de TANXEDORAS


Interveñen: Tanxedoras (María Silva, Leni Pérez e Margó Gayoso) e Roberto Comesaña (acordeón)

Día: venres 16 de novembro de 2018

Hora: 20:00

Lugar: Espazo Nemonon (no edificio Villa Pilar; rúa do Marqués de Riestra, 11-1º)


Ateneo de Pontevedra organiza un concerto de presentación do disco "1952. Homenaxe a Alan Lomax", de Tanxedoras, no que estarán acompañadas polo acordeonista Roberto Comesaña. A actividade musical terá lugar o vindeiro venres 16 de novembro, ás 20 horas, no Espazo Nemonon de Pontevedra. A entrada é libre ata completar cabida.


Sobre o disco
Tal como sinala Tanxedoras, “este disco é a nosa homenaxe a Alan Lomax, un home que percorreu innumerables lugares do mundo para rexistrar a singularidade da súa música tradicional. En Novembro de 1952 chegou a Galicia á procura do son da nosa terra, levando consigo un feixe de coplas, ritmos e melodías. As súas gravacións son universais e convertéronse nun testemuño doutrora para as vindeiras xeracións. Tanxedoras marabillámonos con cada escoita destas xoias musicais, e non puidemos resistirnos a emular a esas mulleres e homes que diante do micrófono de Lomax, coas súas voces e xeito de tocar, deixaron plasmada a esencia da nosa música tradicional. Por iso mesmo é que agora as cantamos tentando preservar a súa integridade.”


Sobre Tanxedoras
Tanxedoras (María Silva, Leni Pérez e Margó Gayoso) non son un grupo de música tradicional sen máis, cantan o de sempre, pero dende unha marca de seu, conformando no percurso dos anos un rico repertorio adquirido de informantes e cancioneiros, interpretado sen artificios e mantendo intacta a súa esencia: “cando cantamos música tradicional, facemos inventario do que somos, do que fomos e do que queremos ser”.

A andaina de Tanxedoras comeza en 2003. Coincidindo co quinto aniversario, en outono de 2008, sae a luz o seu primeiro traballo discográfico co título homónimo de Tanxedoras. En 2013 publican Á sombra da Oliveira, a segunda escolma de cancións tradicionais galegas de Tanxedoras, un disco que transmite a forza do legado musical dos devanceiros que pasou de xeración en xeración ata chegar aos nosos días. En 2018, cando o grupo cumpre quince anos de traxectoria, chega o terceiro disco, 1952. Homenaxe a Alan Lomax, no que Tanxedoras rende tributo ao etnomusicólogo estadounidense, considerado como un dos máis grandes recompiladores de canciones populares do século XX, que visitou Galicia a mediados dos anos 50.

Tanxedoras empregan nas súas actuacións distintos instrumentos de percusión tradicional galega: pandeiro, pandeira, pandeireta, culleres, tixola, legón…, ademais de gaita.

Neste concerto, Tanxedoras estarán acompañadas polo recoñecido acordeonista nigranés Roberto Comesaña, que tamén colaborou no disco de homenaxe a Lomax.

Lugar: Espazo Nemono - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.