Axenda

Culturgal
From sexta feira 30 novembro 2018
To domingo 02 decembro 2018
Vistas : 441

A banda sonora de Culturgal 2018 recolle estilos moi diferentes e, o que é moi relevante para a Feira, varias presentacións de traballos discográficos. Estamos moi contentos de acoller estes lanzamentos: Barahúnda, Pablo Castaño Quartet, Mielitza, NAO, Factoría de Susbsistencia, Pablo Sanmamed, Vudú e Brais Morán presentan os seus novos traballos en formato showcase.Canción de autor, jazz, folk, rock-metal, tradición, poesía musical e até os novísimos valores do concurso Quero cantar, promovido pola Deputación da Coruña, encherán a carpa dos sons de Culturgal 2018 do 30 de novembro ao 2 de decembro.

Moita calidade nas propostas musicais 2018. Desde a onda world music de Barahúnda até o rock de alto voltaxe de NAO; desde a proposta “soulk” de Maritxinha ao baixo e Belem Tajes, voz e teclados -ademais de cantante de Luar na Lubre desde o ano pasado- co proxecto Vudú até as Voces de Arrieiro que chegan de Ponteareas con voces masculinas para a música popular; das propostas jazz do contrabaixista Pablo Sanmamed e do saxofonista Pablo Castaño ao tributo a Mozambique e a NARF de Brais Morán ou á mestura poético-musical de Cintaadhesiva. Da carga autoral e lírica de Factoría de Subsistencia ao proxecto liderado por Carla López baixo o nome de Mielitza.
E todo na Carpa Culturgal 2018. Aquí tes o programa musical desta edición:

Venres 30 novembro
18:00. Barahúnda presenta o seu cuarto disco. Con Helena de Alfonso, cantora; Jose Lara Gruñeiro, guitarra e voces; Jose Luis do Pico Orjais, multiinstrumentista.

19:00. Pablo Castaño Quartet: “A la-láa”. aCentral Folque. Con Pablo Castaño, saxofón, Max Gómez, batería, Paco Charlín, contrabaixo, e Marcos Pin, guitarra.

Sábado 1 decembro
12:00. Quero Cantar. O concurso de canción infantil, que desenvolve a súa terceira edición este outono, sube ao escenario da Feira cos grupos gañadores en directo. Deputación da Coruña.

13:30. Mielitza. Presentación do disco “Unha illa”. Con Carla López Vázquez, voz, guitarra, Iago Mouriño Román, piano, teclados, Pablo Pérez, baixo, e Bruno Couceiro, batería.

16:30.Pablo Diaz en concerto: Coas miñas mans. Editorial Galaxia. Público infantil e familiar

17:30. Charo Pita en concerto: No país do vento. Editorial Galaxia. Público infantil e familiar

18:30. Amores fratricidas. Presentación do segundo disco de Factoria de Subsistencia. Con Josito Porto, voz e guitarra, Sabela Dacal, acordeón, piano e coros, José Lameiras, batería, e David Cid, baixo eléctrico.

19:30. Antilia en concerto. Con María Costas, voz, Jose Churruca, guitarra e coros, Pablo Vidal, baixo e coros, e Antonio González, batería.

20:30. NAO presenta o disco “Ata que o lume se apague”. Seispés Producións Creativas. Con Amós Varela López, Antón Díaz Fernández, Gustavo Brea Torres e Pablo Carracedo Goldar.

Domingo 2 decembro
12:30. Voces de Arrieiro. Concello de Ponteareas. Música popular en directo con este grupo de grandes voces masculinas.

13:30. Pablo Sanmamed Trío presenta disco “16-04”. aCentral Folque. Con Pablo Sanmamed, contrabaixo, Iago Mouriño, piano, e Bruno Couceiro, batería.

17:30. Cintaadhesiva. Con Jesús Andrés Tejada, música, Silvia Penas Estévez, voz, textos.

18:30. Vudú en concerto: presentación de novo disco. PlayPlan. Con Belém Tajes, teclados, loops, percusión e voz, e Maritxinha, baixo e loops.

19:30. Brais Morán en concerto: presentación de “No mato do desespero”. Con Brais Morán, guitarra e voz, Francisco Sanz Freire, baixo, Marcos Pazo Couto, batería, Manuel José Seoane Méndez, guitarra.



Do 30 de novembro ao 2 de decembro celébrase en Pontevedra a cita anual da cultura feita en Galicia. Culturgal, que chega a súa décimo primeira edición, enche todo o recinto do Pazo da Cultura de Pontevedra de expositores e actividades. Unha cita ideal para coñecer todo o que virá en libro, cine ou música e, por que non, para adiantar as compras dos presentes do Nadal. Máis de 80 stands e máis de 120 actividades durante os 3 días de Feira congregan anualmente a preto de 15.000 persoas en Pontevedra.

A Feira conta con varias áreas e escenarios nos que se desenvolve a programación en formato showcase: a Carpa para os directos de música, o espazo Libro no que conversas, debates, sinaturas e presentacións danlle protagonismo á produción literaria, o escenario Infantil dedicado ao público máis novo cunha ducia de espectáculos durante os tres días ou o Foro, un espazo heteroxéneo que o venres se centra en programación dirixida a profesionais da cultura. En 2018, por segundo ano consecutivo, o Espazo de Arte Contemporánea, que ocupará a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, suma perto de mil metros cadrados máis á superficie habitual da Feira, aos máis de catro mil oitocentos metros cadrados do recinto feiral pontevedrés.

Ademais radio e televisión en directo, programación nos propios stands, moitas sorpresas e espectáculos especiais no Auditorio do Pazo. Carlos Núñez en directo será o protagonista da noite do sábado 1 de decembro na Feira coa súa xira “A Irmandade dos Celtas”, cuxas entradas xa están á venda en ticketea. Na véspera, o venres 30 velada de artes escénicas con Inversa Teatro e a obra “Sofía e as Postsocráticas” e para o domingo 2 de decembro hai dúas propostas seleccionadas para público familiar: OVIRAVAI e Xoán Curiel. Así mesmo en 2018 Culturgal estrea área gastronómica, con mesmo horario de funcionamento que a Feira.

Culturgal é unha asociación de asociacións. En concreto, reúne as asociacións máis representativas do sector cultural en Galicia: Asociación Galega Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Agem Asociación Galega Empresas Musicais) e Eganet. A Feira conta cos patrocinios institucionais da Xunta de Galicia, Pontevédrate, Deputación Pontevedra e Ministerio de Cultura. En 2018, ademais, coa colaboración da Deputación da Coruña.

Consulta aquí toda a programació: www.cultur.gal

Lugar: Pazo da Cultura - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.