Axenda

Leo Arremecághona e Isaac Xubín
sexta feira 14 decembro 2018, 19:30
Vistas : 151

O vindeiro venres 14 Leo Arremecaghona (músico, poeta, filólogo) e Isaac Xubín (escritor e tradutor) estrean o espectáculo “Movem Arcos” na Casa de Rosalía ás 19.30 horas.

“Movem Arcos” é produto dun diálogo entre os dous autores baseado en serendipias poéticas e musicais (Celso Emilio, Francisco Cortegoso, Eskorbuto, Chus Pato, Pink Floyd, Leonard Cohen, Lois Pereiro, Silvio Rodríguez, Sarrionandia, Kortatu…), coa obra poética de Joseba Sarrionandia como punto de partida, ou primeiro chispazo que provocou a libre asociación dalgúns dos seus textos por parte do Leo a outro texto e/ou canción que pola súa vez, vía correo-e, entre Compostela e Sheffield, lle suxeriu ao Isaac outro texto e así até acadaren o macrotexto poético-musical que o espectáculo é.

 

Segundo os artistas “os espectadores son levados por un carreiro nunca previsible, ás veces cómplice, que remata por falar do punto de partida: o bafle en que fuxiron Piti e Sarri é o cabalo de Troia moderno, deste hoxe e aquí en que máis ca entrar trátase de saír. Fala do corpo, fala da fala, fala da identidade, fala do que somos dun xeito errático pero extraña e sorprendentemente coherente. A aventura é ese fío vermello invisible que se vai entretecendo á música e á palabra”.

Leo Arremecághona (Vigo, 1974) é un artista polifacético: cantautor punk, poeta… Ademais do seu propio proxecto musical formou parte de Labregos do Tempo dos Sputniks ou de DasKapital. Tamén publicou un libro de poemas titulado ‘Hai cu’ (Xerais, 2007).

Isaac Xubín (A Coruña, 1978) ten publicado varios libros tanto de poesía como de narrativa. Tamén publicou o dicionario galego-euskera e múltiples traducións, moitas delas do euskera ao galego, como é o caso de ‘Tempo de exilio’, de Joseba Sarrionandia (Faktoria K, 2014).

 

Lugar: Auditorio da Casa de Rosalía - A Matanza, Iria Flavia (Padrón)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.