Axenda

III Catapulta
From sexta feira 21 decembro 2018
To sábado 22 decembro 2018
Vistas : 238

Este ano o premio gordo do Nadal cae en Mollavao, amiga.


O Liceo Mutante non é ningunha rifa, ningún décimo de lotaría. O Liceo Mutante constrúelo ti cada vez que vés por alí. O Liceo Mutante aguanta incólume grazas ás vosas achegas, os vosos mimos, as vosas mans. Pero hai cousas que o cariño non paga, como o alugueiro, as reparacións das pingueiras ou a leña para a cheminea, que non todo é calor humana.

É por isto que queremos comezar o inverno cun festival con grupos da casa, que colaboran de xeito desinteresado. Despois dos anteriores festivais celebrados en novembro de 2015 e xaneiro de 2017, chega a III Catapulta Mutante! Todo o recadado coas entradas irá destinado de forma íntegra a cubrir gastos do Liceo Mutante, que resiste grazas a ti.


Ollo porque a programación é ben golosa. O venres 21 tocarán Cuchillo de Fuego e Zunzún, e o sábado 22 será a quenda de Montclair, diola e Djalminha. Coñécelos ben. Quérelos. Gústanche, e sábelo.


Cuchillo de Fuego son o poderío feito verso, o elo máxico que une Wakaliwood coa praza da Leña, e leña é o que van repartir.
https://cuchillodefuego.bandcamp.com/

Zunzún é o novo e supercalifraxilístico proxecto de Alexandre Losada e Solla. Repetición, ritmo e enerxía con dúas guitarras dispostas a explorarse e interactuar dentro dunha Termomix para preparar a mellor cea.

Montclair son a escuridade do solsticio de inverno, rachada por proxeccións e acompañada polo son tenso e crecente dun Concorde despegando.
https://montclairx.bandcamp.com/


Djalminha é a maxia dentro e fóra do campo. Guitarra e batería cun sorriso permanente, que coma o mellor dos turróns regresan por Nadal.
https://djalminha.bandcamp.com/

diola son tres mestres maiéuticos, que xogando cos seus instrumentos che farán aprender as mellores nocións de riff con retrousos e melodías maquinarias.
https://diola.bandcamp.com/

Ven desfrutar deste gran contubernio. O prezo das entradas contribuirá integramente a que o Liceo Mutante siga sobrevivindo. Baila, ri, súa, cea e namora en Mollavao os días 21 e 22 de decembro.



Venres:
apertura de portas ás 20.00
inicio dos concertos ás 21.00

Sábado:
apertura de portas ás19.00
inicio dos concertos ás 20.00



Axuda ao Liceo cun donativo de entre 5 e 10 euros.

Lugar: Liceo Mutante - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.