Axenda

Galician Bizarre
sábado 04 maio 2019, 13:00
Vistas : 132


Chega maio con resaca electoral. Mamá natureza é sabia, e as flores nacen até no máis recóndito underground. É por iso que queremos celebrar a primavera cunha gran romaría, que traerá até Mollabao a flor e a nata máis abizarrada da música galega.

O Galician Bizarre naceu en 2010 co obxecto de recoller as diferentes tendencias do autonomeado "underground galego". Logo dos dous primeiros discos compilatorios, publicados en 2010 e 2012, en 2018 o proxecto regresou coa aparición do disco Galician Bizarre III, que inclúe cancións de 17 bandas e artistas de estilos diversos.

Este sábado contaremos no Liceo Mutante coa presenza dalgúns destes proxectos e moitos outros que comparten un espírito común, baseado en cousas como facer ti mesmx as túas movidas e non querer parecerse demasiado ao que xa se fixo en Nova York ou Madrid.

Anti S. é o proxecto musical de Santi Zubizarreta. Ilustrador e luthier, vén de publicar o seu segundo disco, gravado en Lisboa por Leonardo Bindilatti. Boa forma de espertar do letargo, cuns guitarrazos voadores para a hora do vermú.

Pálida coñécelo ben, a menos que vivises nun zulo. O seu tema “You Were Melting in the Wrong Hands” foi incluído no Galician Bizarre III, e nel transluce a electrónica máis poderosa para abrir o apetito.

Na hora do xantar haberá unha pinchada bizarra da man de Esturao, coñecido arquitecto e pensador procedente de Touro.

Ás 5 menos cuarto da tarde poderás pasar a sobremesa cunha proxección de documentos bizarros. Material de primeira calidade clasificado como de serie B, N, R, S e K. Compro vogal!

Despois chegan os woks bizarros: obradoiros intensivos de 5 minutos dos que se sae cunha sabedoría infinitamente superior á que tiñas cando entraches. Neste caso teremos dous simultáneos: "Baile mutante", impartido por Caracol Negro, e "Asasinar safando", impartido por Sara Iglesias. Decide a cal vas nese instante!

O aprendido nos woks poderá poñerse en práctica inmediatamente (polo menos a parte do baile). Temblor é a nova ida de olla da xente de Caracol Negro. Un concepto novo creado a propósito para o día de hoxe, e que posiblemente non se volverá repetir.

Sorpresa é sorpresa. É o nome da cadela do cartel? É outro grupo bizarro máis? Vén comprobalo.

Por que motivo se celebra no Liceo Mutante a Gran Romaría Galician Bizarre? Porque os dous proxectos conxugan afectos, e para demostrar que todas as participantes están ben avidas e se queren, nada mellor que a actuación da Parada Disonante, un combo de gran labor cultural, patrocinado pola Consellería de Ánxela Bugallo e o Ministerio de Toni Cantó. É unha charanga que actúa quieta e que está aberta á participación de calquera persoa que traia un instrumento que funcione sen enchufar, para construír o ruído entre todo o mundo. Contaremos coa sabia conducción de Macarena Montesinos!

E logo moito ollo. Isto é unha romaría, así que a media tarde chegará o pregón do evento. Non puideron vir Nucha e Mucha, pero contaremos coa presenza de Sara Pena, que deixará formalmente inaugurado o evento.

Xusto despois, comeza a tanda final de actuacións. Contenedor De Mierdason Anxos (guitarra e voz), Sara (batería e voz), Víctor (guitarra) e Sandra (baixo), e veñen vomitar toda a súa rabia logo de deglutila e dixerila en tres estómagos bovinos. Van ir da man con Rabuda, onde tocan tamén Víctor e Sandra con Isa (batería e voz) un rock and roll cru e ben poderoso.

Que queres que che conte de Señor Anido? É unha das grandes iconas e entusiastas do Galician Bizarre, víchelo en 34 grupos diferentes (Travesti Afgano, Metralletas Lecheras...) e nesta faceta fai unha música visionaria, cósmica, trascendental.

Ocre é Edu Poch, e Edu Poch é Ocre. Kraut capaz de botar abaixo o Berlinmuren, con pop e electrónica polinizadores para celebrar a fertilidade da primavera.

Se até agora aínda non suaches, agárrate. Ata ben os cordóns dos tenis porque chega Meus, e isto son palabras maiores. Unha broma infinita, un cravo oxidado, un suor frío e aturdido, e así poderiamos seguir cos títulos de todas as súas cancións, oportunos coma un ritmo 4x4 para mover as cadeiras.

ZurraspaLamprea Explosiva. Nekane e Alén, Alén e Adán. Guitarras, baterías e voces. Un dúo de pop que é punk, un dúo de punk que é pop ou jazz segundo lle cadre. Dúas bandas coas que se pode bailar e aprender cousas bonitas sobre a vida, perfectas para os concertos finais desta gran romaría.

O evento rematará cunha nova sesión de pinchadas bizarras da man de Lúa Zalamera e Wanda Buluba, dúas DJs expertas na arte de que a xente mova o corpo. Súa sen medo a túa camiseta, porque haberá merchandising dos teus grupos favoritos.

Todo isto polo donativo habitual de 5 a 10 euros para axudar a que esta xente siga facendo cousas bonitas!

Para escoitar:

https://galicianbizarre.bandcamp.com/

https://anti-s.bandcamp.com/

https://palida.bandcamp.com/

https://contenedordemierda.bandcamp.com/

https://rabuda.bandcamp.com/

https://sranido.bandcamp.com/

https://discosdekirlian.bandcamp.com/album/dk55-vago

https://meus13.bandcamp.com/

https://zurraspa.bandcamp.com/releases

https://caracolnegro.bandcamp.com/…/canci-ns-pra-matar-ao-t…


O cartaz é obra de Sara Iglesias!

Lugar: Liceo Mutante - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.