Axenda

Artellando no Vermú
From quinta feira 30 maio 2019
To domingo 02 xuño 2019
Vistas : 462

MARTIÑA SOÑADORA / Concerto infantil XOVES 30 / 12.30H / Praza de Cervantes Martiña soñadora son Sabela King á voz e ukelele e Carlos Gil Fandiño ao piano e voz. É unha formación recente que naceu para o desfrute dos nenos e nenas dunha música composta especialmente para el@s. Con 'Martiña soñadora' bailarán, aprenderán das músicas e gozarán de cancións con ritmos brasileiros, portugueses, do rock and roll e mesmo do blues con fermosas letras en galego, e incluso en francés. Todas as cancións son orixinais do grupo. Sabela King forma parte de outras propostas para público infantil e familiar como é o caso de Bailabanda e A Pequena e grande orquestra, e Carlos Gil conta tamén con unha ampla experiencia na música para cativos e cativas, forma parte de grupos como OViravai entre outros. Xuntos exploran estilos e ritmos que sen dúbida farán gozar ao público infantil e familiar.

BRASSICA RAPA XOVES 30 / 13H / Praza de Cervantes Brassica Rapa ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop á música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das “brass band” neoiorquinas, pero tamén das “big bands” ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música, e de agrupacións coma Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.

ZELTIA / 'IreVire' VENRES 31 / 13H / Praza de Cervantes Compositora e artista multidisciplinar, Zeltia ten na súa vida un tema claro: “A Natureza como curación”. Sabendo isto, a súa música orixinal vaise construír en base a esa premisa, formando os seus proxectos musicais: Zeltia- IreVire -: é unha formación sinxela, máis acústica, que varía seguindo unha historia en galego e en inglés. Composta por voz/guitarra e bodhran principalmente. Coa sinxeleza arredor dos temas do ser humano: amor, soidade fronte a un mundo sen control mais controlado, frustración, loita e coraxe/fe. Xunto con Migui Carballido ao bodhran, gravan un directo no estudio A Ponte en Santiago de Compostela, en novembro de 2018, contando coa parte de composición e voz de Eduardo Apariz, cantante de “Leda Atómica” e Xesús Carballido

XOANA / 'Dardos' SÁBADO 01 / 13H / Praza de Cervantes O proxecto musical de Xoana ten coma principal aliada á lingua galega, promocionando o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Dardos é o disco co que acaba de irromper no mundo da música, empregándoo coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredos de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios! A diversidade de cancións e estilos está sempre presente nas distintas composicións, polo que o disco goza de riqueza musical e temática. Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan a un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; é por iso polo que Xoana se empreña en demostrar a súa valía a través deste disco.

SIRA E O ROBOT / Concerto infantil DOMINGO 02 / 12.30H / Praza de Cervantes Sira e o robot. Adventures on Titan é un espectáculo musical e multilingüe baseado no libro-disco do mesmo título editado por Xerais en abril de 2015. Unha maneira lúdica e didáctica de achegarse ao inglés, nun contexto de convivencia lingüística onde tamén se escoita chinés, francés e alemán. Ao estilo dos musicais clásicos, as cancións vanse sucedendo de maneira espontánea no interior desta aventura espacial chea de humor e misterio dirixida a un público infantil de entre 6 e 12 anos. Á parte musical do proxecto están: Mark Alan Wiersma: Vista, California (1976). Profesor, tradutor e músico. O seu primeiro libro-disco infantil, Goat’s Riverboat, foi publicado nos Estados Unidos. Miguel Mosqueira: Lalín (1982). Profesor, escritor e músico. Forma parte do grupo musical Ataque Escampe, Premio de Galicia Martín Codax da Música 2014, na categoría de pop. CHICHARRÓN / 'Cancións clínicas' DOMINGO 02 / 13H / Praza de Cervantes Chicharrón crecen en Carballo en 2014. Alberto M. Vecino conserva dez cancións para Alberto Gende nun péndulo que non debe esvaecerse. Ese mesmo ano publican o seu primeiro disco, 'Chicharrón', no que o amor doe e tamén é salvación. Diego Gende e Rubén Domínguez participan. Mar Catarina, Xurxo Meis e Mara Pérez incorpóranse sucesivamente. No 2016 publican 'Postal', un álbum cooperativo, luminoso e cálido. Tocan nalgúns escenarios, pero, seis persoas en Galiza é difícil que permanezan estáticas. No 2017 publican os sinxelos 'Contra Acantilados' con clip de Alfonso Zarauza e 'Na Cela' cun vídeo asinado por Mar Catarina. 2018: Á sombra dun verán demasiado luminoso, 'Cancións clínicas' é unha necesidade íntima. O terceiro disco da banda créase con distancia, mails e encontros furtivos de Alberto, Mara e Rubén. Ibán Pérez remóveo todo no seu estudio e o resultado plásmase en once cortes, escritos en salas de espera de hospitais, construídos en viaxes de ida e volta e, tamén, en noites con moito sono.

Lugar: Praza Cervantes - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.