Axenda

50 Anos da Canción Galega
sexta feira 21 xuño 2019, 19:00
Vistas : 157

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela presenta o seu festival de fin de curso 2018-2019 “50 anos da Canción Galega”. Este festival enmárcase na liña de traballo iniciada o ano pasado con “A Muller Galega na Música”, na que a Escola érguese como centro vertebrador da recuperación e posta en valor do inmenso patrimonio musical feito en Galiza.

Galicia é un pais musical. Durante séculos a vida cotiá estivo marcada pola música. Primeiro como xeito de acompasar as labores diarias (cantos de seitura, cantos de labrada, cantos de mazar o liño, etc…) ou os oficios (cantos de canteiros, cantos de arrieiros, etc…). Despois como xeito de socializar, sempre ao carón do baile, nos seráns, ruadas e fiadeiros. As bandas de música nas romarías, os gaiteiros nas alboradas, as orquestinas nos salóns de baile, as orquestras nas verbenas… A vida dun pobo durante anos estivo sempre marcada pola música.

“50 anos da Canción Galega” pretende amosar un percorrido polas diferentes vangardas estéticas e musicais dos últimos cincuenta anos, onde a Canción Galega foi protagonista. Deste xeito escoitaranse cancións de grupos como Los Tamara, co inigualable Pucho Boedo, que en 1964 gravaron por primeira vez un EP en galego. Seguindo pola Charanga do Cuco de Velle, que nos legou pezas que hoxe son consideradas case himnos da música popular, como O paraguas do Xosé. Ou Campana de Pau, grupo noiés nacido ao carón do movemento iniciado por Fuxan Os Ventos ou A Roda, que nos legou pezas de enorme lirismo. Ou Luis Emilio Batallán, que en 1975 co seu Aí ven o Maio acadou o medio millón de copias, unhas cifras de vendas absolutamente históricas para un álbum en galego. Ou Andrés Do Barro, o único cantante que acadou un número un de vendas cunha canción en galego. A estes nomes podemos engadir os de Siniestro Total e Golpes Bajos, verdadeiros tótems dos movementos estéticos dos 80, ou Marful e NARF, auténticos visionarios e revolucionarios da nova canción galega do s. XXI.

Nun esforzó sen precedentes nos 15 anos de traxectoria da Escola Municipal, este festival vai a congregar o día 21 de xuño as 19h a máis de 200 músicos no escenario da Sala Ángel Brague do Auditorio de Galicia. Entre todo o alumnado da Escola formarónse dúas grandes agrupacións, unha que integra a todos os alumnos da Orquestra, a Orquestriña de Iniciación e máis o Combo de Música Moderna, e outra que integra aos alumnos de Banda, Bandiña de Iniciación e Conxunto de Música Tradicional. A éstas sumaránse o Coro de Adultos da Escola e mais os Coros Xuvenil e Infantil.
Co ánimo de engalanar aínda máis se cabe esta ocasión, a Escola contará coa colaboración de varias das voces máis salientables do panorama musical galego, como Guadi Galego, Xabier Mera, Najla Shami, Ramón Bermejo, Nastasia Zürcher, Espiño e Rocío Jiménez.

Dende a Escola queremos amosar o eterno e inmenso agradecemento a éstas persoas que coa súa enorme carisma e xenerosidade amosan o seu compromiso total coa cultura musical galega e a formación musical de base feita en Galicia.

Unha celebración única merece dous mestres de ceremonias á altura. O festival estará conducido polos presentadores da CRTVG Moncho Lemos e Juan Fuentes, aos que vai o noso máis sinceiro e incondicional agredecemento.

Acceso libre ata completar aforo previa retirada de entrada!

Lugar: Auditorio de Galicia - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.