Axenda

Asaghieiras Master Festival-CANCELADO
sábado 14 Setembro 2019
Vistas : 242

CANCELACIÓN ASAGHIEIRAS 2019 

Sentimos informar do peor dos escenarios. Parece que no Concello de Carnota non hai cabida para o noso festival. Rogamos que difundades a mala noticia. A continuación, o comunicado oficial da directiva da ACRD As Aghieiras:

Compañeiras e compañeiros festivaleiros,

Desde o primeiro momento fomos conscientes das trabas que tiñamos para facer o festival no Faro de Lariño. Esta zona está protexida pola Rede Natura da Xunta de Galicia e nela non é posible facer actividades con música amplificada. Aínda así, apostamos polo Faro ata o último momento, tramitando as correspondentes solicitudes, pero tamén plantexando varias alternativas en Lariño (non afectadas por estes permisos sectoriais) ao Concello de Carnota.

Porén, despois de semanas de conversas, atopámonos a última hora coa sorpresiva negativa do Concello de Carnota a todas e cada unha das ubicacións que presentamos, dentro e fóra de Lariño, aducindo argumentos máis que cuestionables. Agradecemos aínda así a disposición do persoal do Concello e dalgunha persoa que forma parte do goberno do mesmo.

Debemos asumir a nosa completa responsabilidade ante esta situación, xa que a nosa aposta foi errada e non fomos quen de prever as continxencias que a última hora se nos presentaron. Somos unha organización pequena, cuxa ilusión é infinitamente maior á nosa capacidade de traballo. Pero tamén somos conscientes plenamente da falta de interese por parte das institucións na realización dun festival ecoloxista, que aposta polo entorno, pola música galega e local e por un modelo de festa alternativo ao das verbenas con orquestras. Unha comisión de festas nunca se vería con este tipo de trabas políticas nun municipio.

A 3 días do festival, sen unha proposta alternativa factible do Concello e ante a imposibilidade de aprazar o festival sen afectar ás bandas participantes, vémonos na obriga de cancelar o festival moi ao noso pesar. Desde aquí, pedimos desculpas ás enormes bandas que ían actuar no festival, as verdadeiras afectadas polas decisións arbitrarias, que ven como a súa música non ten cabida fronte ás discotecas móbiles e orquestras. Pedimos desculpas tamén a todas as empresas contratadas polo festival para o palco, carpa, equipo de son e provedores de bebida e comida. E, por último, desculpas a todas as persoas que nos apoian e que tiñan pensado vir desfrutar do festival.

Grazas pola vosa comprensión,
ACRD As Aghieiras.

Lugar: Lariño (Carnota)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.