Axenda

A Banda da Loba
sexta feira 14 febreiro 2020, 20:30
Vistas : 246

A BANDA DA LOBA PRESENTA ESTE VENRES O SEU SEGUNDO DISCO, "FÁBRICA DE LUZ", NO AUDITORIO DE OURENSE

A banda da Loba, formada por Andrea Porto (baixo e coros), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarras e coros), Marcela Porto (batería e percusións) e Xiana Lastra (voz), regresa a Ourense para presentar o seu segundo traballo discográfico, "Fábrica de luz", co que xa leva xirado desde xaneiro por diferentes teatros e salas de Galicia cun gran éxito de público e crítica. O concerto de presentación será no Auditorio municipal o venres, 14 de febreiro, ás 20:30h. As entradas anticipadas, que teñen un custo de 6€ + gastos, están á venda en Ataquilla. O propio día do concerto venderanse na billeteira a 8€.

O grupo destaca a súa incursión en Ourense como unha ocasión moi especial, polas características do propio espazo, pola boa acollida que os nosos concertos sempre tiveron na cidade e tamén porque imos estar moi ben rodeadas de amigos/as que nos arrouparán no escenario, facendo deste concerto algo inesquecible, xa que contarán coas colaboracións dous ourensáns Celia Parra (escritora e artista audiovisual) e Xacobe Varela (cantante do grupo Os d'Abaixo) e do cuarteto de cordas que forman, xunto coa propia violinista do grupo, Margarida Mariño, Alba Novoa e María Blanco.


O grupo, que non abandona o estilo heteroxéneo que nos amosou xa no seu primeiro traballo, "Bailando as rúas", acentúa se cadra máis esta característica en "Fábrica de luz" e, sen abandoar a estética nas súas letras, que continúan a ser poemas propios ou de escritoras contemporáneas ou clásicas, preséntanos un traballo que bebe do tradicional, do folk, do rock, do bolero... e incluso se atreve con outros ritmos como o reggaeton, o reggae ou o ska. Tras unha exitosa xira de máis de setenta concertos en ano e medio co seu anterior disco e varios premios ás súas costas, A banda da Loba ten como obxectivo manter, xa non medrar, e conservar ese oco que nos fixemos no panorama musical galego cun traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz .

Nesta xira xa visitaron Redondela, Santiago, Vigo, As Pontes... e esta fin de semana prenderán a maquinaria en Lugo e Boiro, para posteriormente chegar a Ourense e finalizar a primeira parte do seu percorrido en Viveiro e Vilalba.





Lugar: Auditorio Municipal - Ourense
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.