Axenda

Emily Jane White
sábado 22 febreiro 2020
Vistas : 127


O minimal jazz de Tomaga, o folk escuro de Emily Jane White e a exploración de Lea Bertucci, na cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras


A promotora sarriá WORK ON SUNDAY, en colaboración coa lucense CLAP e o Concello de Lugo presentan os tres primeiros concertos da cuarta edición do ciclo que acollerá o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo entre os meses de xaneiro e xuño.

O xoves 30 de xaneiro, o dúo experimental Tomaga canalizará unha música que se move a través do industrial, o jazz, a psicodelia e o minimalismo. Dedicado á exploración musical, este dúo con base en Londres deconstrue obsesivamente tropos familiares, buscando a tensión que se atopa entre a improvisación e a forma. Tomaga formouse en 2014 e ostenta ás súas costas unha discografía impresionante, con máis dunha ducia de discos que lles gañou admiradores e xiras con artistas como Wire, Deerhoof, Thurston Moore, Faust, Le Ranaldo, Silver Apples ou Stereolab. Foron descritos por BBC Radio3 como "a mellor banda do Reino Unido", e nomeados por Thurston Moore como unha das 5 bandas máis interesantes do momento. O seu lanzamento en solitario máis recente é "Extended Play" (xuño 2019), incluído en varias listas do mellor do ano. O álbum en colaboración co compositor e construtor de instrumentos Pierre Bastien ‘Bandiera Di Carta’ (setembro 2019) foi publicado ese mesmo ano no selo de Nicolas Jaar Other People.

O sábado 22 de febreiro será o turno da artista californiana Emily Jane White, quen soubo dotar as súas composicións dun toque persoal e maduro ao longo de máis de dúas décadas de carreira. O seu folk escuro arroia con todo ao seu paso para converter os nosos corazóns en cinzas. No seu novo traballo, o seu sexto album de estudo, “Immanent Fire” (Talitres, novembro 2019), White pon sobre a mesa o clima como principal temática, de forma apocalíptica, cun planeta ao bordo da destrución nunha aniquilación lenta e irreversible. Emily vai mostrando o camiño cara ao interior de nós mesmos para demostrar que en nós está o cambio posible e desterrar estes tempos depresivos e escuros. Co folk como principal arma, Emily amosa melodías que nos atrapan, con cancións que se enganchan e que lembran ao Nick Cave dos tempos de “Murder Ballads”: temas espectrales con lixeiros toques electrónicos, cun toque gótico sutil e presente en toda a obra da artista de San Francisco, e un folk que se coa por todos lados. “Immanent Fire” é unha nova peza nesa carreira que está a cocer a lume lento, sen présa, e cunha seguridade e un talento incontestables.

A terceira data do ciclo terá lugar o sábado 7 de marzo, co concerto da artista interdisciplinar norteamerica Lea Bertucci. Lea Bertucci é compositora, intérprete e deseñadora de son cuxo traballo explora as relacións entre os fenómenos acústicos e as súas resonancias biolóxicas. Ademais de instrumentos clásicos de vento de madeira, o seu traballo incorpora conxuntos multicanle de altofalantes, retroalimentación electroacústica e colaxe de cintas analóxicas. Nos últimos anos, os seus proxectos expandíronse cara a investigacións sónicas da arquitectura, específicas de cada espazo. Profundamente experimental, o seu traballo non teme subverter as expectativas musicais. En 2018, lanzou un novo e aclamado album, ‘Metal Aether’, en NNA Tapes. Lea é coeditora da serie de publicacións The Tonebook, unha mostra de partituras de compositores contemporáneos publicada en Inpatient Press. Como artista en solitario actuou profusamente en Estados Unidos e Europa en espazos como The Museum of Modern Art New York, Blank Forms, Gagosian Gallery New York, Pioneer Works, The Kitchen, The Walker Museum, ISSUE Project Room, Museo Reina Sofía, The Renaissance Society, Chicago, Festival Sound of Stockholm ou o Festival Unsound. En 2016 recibiu a bolsa MacDowell de composición, e en 2018, foi comisionada polo Foro de Compositores de América e a Galería Levy Gorvy en Nova York.

O programa Liberdades Sonoras, cunha liña clara e definida de contidos, propón un ciclo semestral de espectáculos deseñados específicamente para O Vello Cárcere que, en contraposición á función do inmoble nos seus usos pretéritos, acheguen hoxe á cidade un valor cultural engadido, unha fonte de desenvolvemento e cohesión social, de exploración e de descubrimento. Os tres concertos son de entrada libre ata completar capacidade.
Lugar: O Vello Cárcere - Lugo
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.