Axenda

Xela Arias: “Ámame coa lingua. Fálama”
sexta feira 14 maio 2021, 20:00
Vistas : 156

A AC Vagalumes celebrará un ano máis o Día das Letras Galegas, cun acto que terá lugar o próximo venres, 14 de maio ás 20:00 na praza da Música, cumprindo os protocolos exixidos pola actual situación sanitaria.
A nosa lingua encóntrase nunha situación de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística. Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza, entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.
Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.
No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes intervencións: “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero; “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias:
- O Colectivo RECUNCHO DA LINGUA formado por Natalia, Kenia e Pilar Bernardez, que recitarán o poema colectivo CRISTAL
- Grupo de alumnas e profesoras do IES UN que recitarán: Sara Espiño Baamonde o poema “NON ME GUSTABAN DE NENA OS PELUCHES”, Helena Castaño Pazos “INTEMPESTIVA”, Beatriz Quintela “TES A CARA INCHADA DE PREGUNTAS” e Andrea Pérez Gañete “SÓ PODE SER”
- Tino Regueira recitará o poema de Xoán Xosé Abella “TRÍPTICO PARA XELA ARIAS”, Sabela Carracedo lerá o texto “NON TE AMOLA” e Xosé Luna recitará o poema “ A POESÍA ESTÁ NA RÚA (25 de abril)”.
O acto será retransmitido en directo en streaming a través da páxina www.tabeirosmontes.com e a través de youtube e facebook de tabeirosmontes. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así o escribiu Xela Arias: “Ámame coa lingua. Fálama”.

Lugar: Praza da Música - A Estrada
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.