Astarot

Grupo de rock de Cangas formado en 1983, que despois dunha longa traxectoria no mundo do heavy máis ortodoxo, encamiñou o seu traballo cara ás versións de clásicos da música popular galega.

O primeiro concerto foi coa banda viguesa Criter no baile vello do Hío. A partir de 1984 empezaron a tocar pola bisbarra e por Vigo, en moitos pubs e discotecas xa desaparecidos, como a Laxe de Bueu, a Fantasy de Cangas, o Gran Sol de Nerga, a Cosmos, a Psicosis e o Faros de Vigo, no primeiro Festival Vilariño Rock...Nese ano, despois de varios cambios na formación, xa están dous dos membros actuais: Carlos Rodal e Carlos Gandón, incorporándose Tebi en 1986.

En 1989 gravaron nos estudios Musitron de Madrid o seu primeiro vinilo, Donde se hospeda el pasado, coa produción de Alfredo Garrido. O disco foi ben recibido pola crítica, tanto en revistas como en radios e publicacións. En 1990 o grupo quedou finalista no concurso Pop-Rock Gordons, organizado pola cadea de radio 40 Principales e celebrado na discoteca Oh de Madrid. Despois de presentarse xunto con setecentos grupos, chegaron 6 á final, o que lles axudou a tocar a semana seguinte no programa La quina marcha, de Telecinco.

En 1994 gravaron o segundo disco, Respirando. Presentárono por toda a península. Foi producido por Astarot e por José Manuel Tasende, e gravado nos estudios Cormorán de Padrón. O terceiro disco é Apuesta y gana. Tamén gravado nos estudios Cormorán, inclúe por primeira vez dous temas en galego.

Astarot en 1997 Fonte: metallyrica.com

O cuarto disco está compartido coa banda The Refrescos. É un disco experimental, sen moitas pretensións, gravado totalmente en galego. Na presentación deste disco, en 1998, xuntáronse con Milladoiro na festa do 75 aniversario do Real Club Celta de Vigo, compartindo cartel con Carlos Santana.

O quinto disco é O sentir dunha terra. É o disco da consagración do grupo, e serve de homenaxe á cultura musical galega, con versións rocanroleiras de todo tipo de autores. Conta con colaboracións como Suso Vaamonde, Los Tamara, Mini (A Quenlla), Susana Seivane, Fuxan os Ventos, Javi (Heredeiros da Crus), Saraibas ou Xocas.

O sexto disco é Longa noite de pedra, onde se musican poemas de grandes autores galegos, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Baldomero Iglesias, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Castelao ou Darío Xohán Cabana. No ano 2008 Tebi foi substituído por Jose á batería. O grupo seguiu ofrecendo o seu espectáculo por toda a xeografía galega, con concertos e galas televisivas con todo tipo de artistas recoñecidos do panorama musical. En 2012, antes de arrancar a nova temporada de concertos dese verán incorporouse Loren á segunda guitarra de Astarot.

Ao finalizar a temporada de concertos dese mesmo ano, o vocalista West decidiu marchar do grupo por vontade propia. En outubro entrou a formar da banda como vocalista Juan Antepazo; neste momento o grupo comezou a preparar o seu sétimo traballo discográfico nos estudios Musitrón de Madrid, coa produción de Alfredo Garrido.

Astarot en 2013

Este novo traballo, Séptimo pecado, baséase nas composicións propias do grupo, sen deixar de lado as homenaxes á música da súa terra. O disco está formazo por dezaoito pistas, o maior proxecto discográfico emprendido por Astarot ata a data. O traballo conta coas colaboracións de Rosa Cedrón, Joaquín Padilla e Jose Luis Garrido e recibiu desde o seu lanzamento moi boas críticas dos profesionais dos medios.

En 2017 sacaron Una vida en un segundo.

Fonte: galipedia.com

(Actualizado en setembro de 2019)

 

O sentir dunha terra (2000)

 

Longa noite de pedra (2005)

 

Sétimo Pecado - 30 aniversario (2013)