Camarada Nimoy

Camarada Nimoy foi unha banda instrumental creada en Vigo en 2012 que se mantivo en activo 4 anos até a súa despedida na Iguana o 4 de novembro de 2016. Posuía un estilo particular, dacabalo entre o surf-rock e o jazz e mais o swing.

Aínda que Camarada Nimoy non son unha banda de surf nin de swing nin de jazz. Pero gustan de todos e cada un deses xéneros. Tampouco os seus membros son uns fanáticos trekkies de orellas en punta, pero están fascinados pola vasta multitarefa musical e poética de Leonard Nimoy, maiormente coñecido polo seu papel de Dr. Spock en Star Trek.
Camarada Nimoy naceu como a reunión de catro músicos cun obxectivo: levantar unha proposta propia que se alimenta da música lounge pero tamén do surf terror. Nalgun momento, Mancini; a seguir, Man or Astroman? Sen poñer cotos ás posibilidades sonoras, pero coa idea de seren recoñecibles.
No comezo, o grupo estaba formado por Pablo Muñiz (Transilvanians, Foggy Mental Breakdown) ao baixo, Gontxu Muiños (Skacha, Keltoi) a guitarra electrica, Diego de Luis (To Nowhere, Foggy Mental Breakdown), batería, e Paulo Pascual (Foggy Mental Breakdown, Trem Fantasma) a guitarra eléctrica e o theremin.
Lanzada por músicos procedentes de grupos máis escorados cara ao rock, a proposta de Camarada Nimoy extrae deles outra experiencia. Unha estrutura dos temas tan peculiar como traballada e o uso da electrónica danlle un carácter diferenciado ao son da banda.
Aviso! Camarada Nimoy é un grupo instrumental ao que lle gusta moito o cine. Camarada Nimoy soa a banda sonora e o seu espectáculo medra coas imaxes que o grupo subministra ao público.

              Formación orixinal da banda

O grupo Camarada Nimoy bota a andar o venres 10 de febreiro do 2012 na sala Playmóvil de Vigo tendo como camaradas de escenario aos músicos da banda mexicana Twin Tones.

En abril dese mesmo ano sacan unha primeira maqueta con 4 temas. O primeiro disco longo chega un ano despois, no verán de 2013, gravado e mesturado por Alber Costas nos Estudios Desamparados en Alcabre, Vigo.

Repetirán con Alber Costas para o seu terceiro e derradeiro disco, Alucionacións acústicas, autoproducido como o resto e publicado en abril de 2015. No disco xa aparece Kino na batería, que entrara xa tempo antes no lugar de Diego de Luis. Antes da gravación tamén Gontxu abandonara a formación, que fica en trío.

Un ano despois, no 2016, anuncian a súa despedida e dá o seu derradeiro concerto o 4 de novembro na Iguana de Vigo xunto a Zan Hoffman.


             Camarada Nimoy, no 2016

 

Ao vivo no Aturuxo de Bueu (03/03/13) -vídeo baixa calidade-

 

CONTACTO

facebook

CAMARADA NIMOY EP (Abril 2012)

CAMARADA NIMOY LP (Xullo 2013)


ALUCINACIÓNS ACÚSTICAS (Abril 2015)


 

Descarga Camarada Nimoy