Narf

NARF, alter ego de Fran Pérez, foi un rockeiro e cantautor compostelán de longa andaina no universo cultural galego. O músico xa roldaba a noite santiaguesa nos anos 80 con Nicho Varullo e os Kinindiolas, para logo pasar pola compañía teatral Chévere, pola Sala NASA ou pola Psicofónica de Conxo.

O proxecto en solitario de Fran Pérez deuse a coñecer cando musicou un poema do mozambicano José Craveirinha, “Quero ser tambor”, o que deixou as portas abertas a un novo proxecto discográfico, no que NARF traballou xunto ao grupo Timbila Muzimba, co que argallou un espectáculo conxunto para o verán de 2005.

O seu segundo traballo, Tótem (Falcatruada, 2007), é un reflexo da súa vida nómade. As cancións arrecenden aos distintos lugares, -A Habana, Maputo, Lisboa, Londres-, onde foron compostas, onde foron interpretadas por vez primeira, para nos achegaren deste xeito un mosaico cultural baixo a visión dun galego do mundo.

Despois da xira do proxecto Bumba, acarón dos moçambicanos Timbila Muzimba, e da súa participación no Liet-Lavlut, festival da canción en linguas minorizadas de Europa, celebrado na Laponia sueca, viría o seu seguinte traballo, Aló irmao. Realizado man a man con Manecas Costa, saíu á venda o 9 de xuño de 2010. Gravado en directo o 16 e 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o disco inclúe un CD con 12 temas novos e un DVD que recolle aquelas dúas noites máxicas nas que o magnetismo entre Galiza e Guiné Bissau se trasladou do escenario ás butacas.

En maio de 2015 publicou xunto a Uxía Baladas da Galicia imaxinaria.

Fran Pérez finou o 15 de novembro de 2016.

(Actualizado en movembro de 2019)

Narf ao vivo no Revenidas 2013 -audio ambiente-

Nas tardes escuras (Remasterizado no 2013)

Aló Irmao (con Manecas Costa, 2010)

Tótem (2007)