Os Diplomáticos de Monte Alto

Banda coruñesa imprescindíbel para entendermos a música galega, que ao longo dos máis de dez anos que estiveron en activo, dende "Arroutada Pangalaica", (Dro East West, 1991), até "Komunikando", (BOA, 2003), marcaron as liñas mestras da evolución do rock en galego.

En 1989, Rómulo Sanjurjo e Xurxo Souto, ata entón compoñentes do grupo folk Belida, foron chamados para compoñer unha sintonía para a radionovela Os frigoristas, emitida por Radio Galega. Xuntáronse co guitarrista Juan Varela "Guni", o baixista Afonso Moram e o batería Berto Moram, gravando unha maqueta de tres cancións baixo o nome de Rómulo Permui e os Diplomáticos de Monte-Alto. A gravación incluía a sintonía seleccionada para a novela, unha arriscada versión do tema popular "Non chas quero".

Os Diplomáticos nos anos 90. Imaxe tirada dun videoclip

Durante o ano seguinte a banda consolida a súa primeira formación estable, con Souto, Sanjurjo, Guni, Berto Moram e o baixista Toni Simões. O 1 de xuño realizan o seu primeiro concerto no Porriño. Desde ese momento son chamados a colaborar en varios programas da TVG e gravan unha segunda maqueta con tres cancións. Moram e Simões abandonan o grupo, sendo substituídos por Mangüi Martín ao baixo e Pulpiño Viascón á batería.

En 1991 o grupo grava o seu primeiro LP, Arroutada Pangalaica, editado polo selo DRO e producido pola Fundación Resentidos (fundada por Antón Reixa, Alberto Torrado e Xavier Devesa). Neste disco Os Diplomáticos xa mostran un característico son de rock alegre, con ritmo arroutado e constante presenza do acordeón. Comezan a xira Cajo na gripe, cajo na tos, dando máis de 40 concertos por España e Portugal. Inmediatamente despois de rematala, xa en 1992 o grupo inicia unha nova minixira, 14 pezas bravas, cun repertorio totalmente novo. Nos concertos da mesma, solicitábase aos seguidores que achegasen letras para o novo traballo discográfico da banda. O segundo álbum do grupo, Parrús, ve a luz en 1993, a través do selo Fonomusic e baixo a produción de José Puga. Este disco presenta un son notablemente máis agresivo ca o predecesor, sendo o álbum do grupo con matices máis duros. Tralo seu lanzamento, iniciase a xira Kontra o mundo, que se prolonga ata o seguinte ano. Nese 1994 Os Diplomáticos levan a cabo diversos proxectos: gravan o documental musical Fillos de pita (dirixido por Fran Pego) e encárganse da produción executiva do recompilatorio Unión Bravú, que serve de soporte ao coñecido como movemento bravú. Ademais, gravan dous temas para o primeiro disco da serie A Cantar con Xabarín do Xabarín Club.

En 1995, é de novo Fonomusic quen publica o terceiro disco dos Diplomáticos, Avante toda!, producido por Kaki Arkarazo e considerado por moitos seguidores como o mellor disco da banda. Nel móstrase un son máis lixeiro co do anterior álbum. O grupo realiza unha xira co mesmo título, con especial éxito no País Vasco. En medio da xira, xa en 1996 o batería Marcos Viascón deixa o seu posto, sendo substituído por Xavier Alonso. Durante eses anos Os Diplomáticos comezan unha relación persoal e profesional co músico Manu Chao, que dá pé a proxectos como Los Tres de Monforte (Chao, Sanjurjo e Josito Pereiro). En 1997 o grupo realiza unha nova xira, Fumareu, consistente en concertos acústicos en pequenos recintos. Esta remata coa edición do libro Fumareu, escrito por Xurxo Souto e que inclue o CD Fumareu-Sesión de cámara, publicado por Xerais. Neste ano, a banda colabora de novo en diversos proxectos culturais, destacando a revista Bravú, o festival A feira das mentiras (en Santiago de Compostela) e o recompilatorio pola oficialidade da lingua asturiana, L'asturianu muévese. Durante 1998 Os Diplomáticos céntranse na preparación do seu próximo disco. Tamén realizan a gravación O pregón de Monte-Alto, editada xunto ao libro Toxos e flores do escritor, grande amigo e colaborador do grupo Manuel Rivas. En 1999 aparece o cuarto disco de estudio, Capetón, nesta ocasión producido polos membros do grupo Rómulo e Guni. Este disco toma por tema central a vida e as historias do mar ("Capetón" é o nome que os mariñeiros galegos daban a Cidade do Cabo, Cape Town), o que supón un xiro radical con respecto ás letras humorísticas, irónicas ou surrealistas que caracterizaban ao grupo. O cambio de orientación tamén é considerable no musical: as cancións festivas e alegres deixan paso a pezas de maior seriedade e madurez. Destacan a utilización puntual de instrumentos como a gaita e o violín e a colaboración de varios músicos e amigos da banda.

Á publicación do disco séguelle unha intensiva xira co mesmo título. Durante o ano, incorpórase ao grupo a percusionista e vocalista Lola de Ribeira. Separación En 2000 varios membros do grupo inician proxectos paralelos. É o caso de Transportes Hernández y Sanjurjo (con Rómulo Sanjurjo e Julián Hernández de Siniestro Total) e Terra Terremota, formado por Xurxo e Guni. En 2001 prodúcese un feito determinante para o futuro do grupo, coa retirada do mesmo do seu cantante e líder Xurxo Souto. Xunto a el vaise o baixista Mangüi Martín. Os Diplomáticos seguen adiante coas incorporacións de Manolo Maseda como vocalista e Toni Simões, quen xa estivera nos inicios en 1990, como baixista.

Durante o seguinte ano prepárase e grávase o disco Kömunikandø, que publica o selo BOA a principios de 2003. Nel, por primeira vez aparecen co nome acurtado a Os Diplomáticos. Este disco ten moi pouco que ver con toda a traxectoria anterior do grupo, sendo moi notoria a baixa de Xurxo Souto como cantante e sobre todo como principal compositor das cancións. En Kömunikandø, estas toman novos ritmos (algúns deles de influencia tropical), o acordeón perde algo de protagonismo en favor dunha sección de vento metal, e a temática de boa parte das letras é por primeira vez de crítica social directa. En 2005, o grupo anuncia mediante un comunicado de prensa a súa decisión de acabar coa súa traxectoria. Para se despediren, realizan unha última minixira durante o verán, cun último concerto no barrio de Monte Alto que os viu formarse. 

Os Diplomáticos durante a gravación do videoclip de Deitado fronte ao mar, o 1 de maio de 2014. Foto: Lety GF

Dous anos despois deste último concerto editouse 120 capadores, un disco-tributo con versións de vinte e unha bandas e con catro temas inéditos dos propios Diplomáticos. No 2010, coincidindo co 20 aniversario da formación da banda, deron concertos en Allariz e na Coruña coa formación orixinal, xunto con O Jarbanzo Negro. En novembro de 2012 a formación volve xuntarse no festival de música bravú de Chantada "Castañazo Rock". Ao longo de toda a segunda década do século XXI a pesar de estaren oficialmente retirados, manteñen unha actividade latente, coa publicación dalgún tema novo solto e a participación nun par de concertos ao ano, nomeadamente polo Nadal na Coruña.

Fonte: galipedia.com

Entrevista e un par de temas ao vivo no Castañazo Rock 2012

PARA ESCOITARES A MÚSICA DOS DIPLOMÁTICOS PRECISAS DE TE REXISTRAR DE BALDE EN DEEZER: LOGIN

Parrús (1992)

Avante toda! (1995)

Capetón (1999)