Anxo Lorenzo

  • 102.jpg

Anxo Lorenzo é un gaiteiro e flautista nado en Moaña en 1974. Participou desde moi novo nas históricas formacións tradicionais viguesas Xarabal e Lembranzas Galegas aínda que apuntou a súa carreira cara ao folk coa formación, xunto a Pedro González, da banda Spiritu 986 a comezos do século XXI.

Posteriormente pasou a liderar o seu propio proxecto, xunto ao violinista irlandés Eoghan Neff e ao portugués Luís Peixoto, bouzuki, un trío de música folk que se deu a coñecer cun disco, Tirán, (Zouma Records, 2010), no que colaboran nomes como Xosé Liz, Begoña Riobó ou Álvaro Iglesias que despois os acompañaron ao vivo. Seguindo a liña xa explorada na súa anterior formación, Spiritu 986, de mestizaxe e fusión da música tradicional coa electrónica, a música hindú ou o pop, o certo é que Lorenzo atopou os ingredientes precisos para manexar con mestría estilos diverxentes e ofrecer un son apegado á tradición mais que sorprende na exploración desoutros universos musicais. O grupo recibiu no 2012 o Eisernen Eversteiner, premio outorgado ao mellor grupo folk con voto do público no Plauen Folkherbst Festival, o evento senlleiro da música folk en Alemaña.

En 2014 é publicado Confuxon, unha viaxe pola música das nacións celtas onde de novo Lorenzo conta con Peixoto e Neff como compañeiros de andaina.

ESCOITA O ÚLTIMO DISCO DE ANXO LORENZO EN SPOTIFY