Arco da vella

Grupo ourensán de ampla traxectoria, malia que pouco coñecido fóra da súa contorna, pero que chegou a gravar catro traballos discográficos, publicados ao longo dos 15 anos que Arco da Vella estivo en activo, desde mediados da década dos oitenta até a súa disolución contra finais de século. Os catro discos foron Na noite, (Edigal, 1986), Xingra, (Edigal, 1990), Abuña Copo, (Sons Galiza, 1995) e Ñáñaras, (Sons Galiza, 1999).

A formación nos anos 90 era Manuel Brañas, Santiago González, Tino Mojón, Manuel Garrido, Manuel González "Rach" e Rafa Cachafeiro. Encadrados na corrente new age que durante a década dos noventa tivo certo suceso entre as formacións folquis en toda Europa, Arco da Vella cumpren os cánons de todos os grupos seguidores da tendencia “nova era”; así os sintetizadores como eficaz instrumento para a recreación de ambientes, combinados neste grupo con outros temas onde a percusión leva a voz cantante, e o amplo abano de instrumentos empregados, sen medo á hora de experimentar e pescudar nas máis variadas fontes, convértenos nunha alternativa idónea para exemplificar a pegada destas tendencias no panorama folk galego. O líder da formación, Manuel Brañas, pasaría despois a formar Brañas Folk.

Cómpre aclarar que baixo unha denominación semellante, Agrupación Folclórica O Arco da Vella, existe en San Miguel de Reinante, Barreiros, na provincia de Lugo unha asociación con grupos de gaitas, pandereteiras e baile, que ten editado un traballo homónimo en 2002, con pezas tradicionais.

Tamén aparece unha formación homónima de música infantil, que publicou un único traballo en 2004.

ESCOITA ABUÑA COPO (1995) EN YOUTUBE


ESCOITA ÑÁÑARAS (1999) EN SPOTIFY

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.