Berrogüetto

Grupo folk vigués nacido a mediados dos anos 90, despois da separación de Matto Congrio, de onde procedían tres dos seus compoñente: Santiago Cribeiro, Anxo Pintos e Isaac Palacín, que axiña acadou un éxito entre público e crítica tanto en Galiza coma no estranxeiro, avalado pola traxectoria e calidade dos seus compoñentes. O seu disco de estrea foi Navicularia, (Do Fol , 1996), onde apresentaron os que ían ser os seus sinais de identidade: preponderancia da instrumentalidade e fusión da tradición galega con músicas doutras terras. Neste primeiro traballo colaboraron as cantareiras de Cantigas e Agarimos, únicas voces presentes no disco. Para alén da boa acollida que o público deu a este estrea, os premios da Crítica Alemá en 1997, compartido con Ry Cooder, e o Premio Europeo da Música 'Eiserner Eversteiner' un ano despois dan conta do recoñecemento da crítica europea a Navicularia.

Será no segundo traballo, Viaxe a Urticaria, (Do Fol, 1999), cando o grupo estabilice a súa formación, coa entrada do violinista Quim Farinha e a gaiteira Guadi Galego, que tamén pasará a pór a voz nos escasos temas en que esta fai aparición. Despois de compor a banda sonora da serie televisiva Renovart, adicada ás enerxías renovabeis, Berrogüetto gravou o seu terceiro traballo, Hepta, (Do Fol, 2001) que soborda os límites tradicionais da proposta artística dun grupo musical para atinguir unha multidisciplinariedade onde a obra do arquitecto e fotógrafo George Rousse e a antiga fábrica de Sargadelos de Cervo, Lugo, son protagonistas destacados. As colaboracións diversas, o armenio Jiva Gasparian tocando o duduk, o sueco Markus Svensson coa Nyckelharpa, un antigo instrumento semellante a un violín ou Kalman Balogh, húngaro, interpretando o Cimbalom, instrumento tradicional dos Balcanes, engaden sonoridades foráneas ao son do grupo e permiten clasificar a música de Berrogüetto dentro da vangarda do folk europeu.

Berrogüetto ao vivo no Festival Folk de Cambridge (UK), no verán de 2003

O 25 de maio de 2006 publicaron 10.0, (Berro Guetto Música, 2006) e a comezos de 2010 Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010), traballos que mostran toda a capacidade creativa da banda. No segundo deles gravou por vez primeira Xabier Díaz, que entrara un tempo antes tras a saída de Guadi Galego. A finais de 2011, publicado por Galaxia e cun limiar de Manuel Rivas, o xornalista e crítico musical Fernando Neira publicou o libro ‘Berrogüetto. O pulso da terra’, a primeira biografía sobre o grupo. O libro véndese acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación, gravado en colaboración coa Televisión de Galicia no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, en novembro de 2010. Inclúe ademais un CD co rexistro sonoro do mesmo concerto no que se presenta un tema inédito.

Interpretando a Danza de Meirol, na etapa con Díaz de vocalista

O 4 de febreiro de 2014, mediante un comunicado subido ás súas redes sociais, Berrogüetto anunciaba a súa disolución despois de 18 anos de carreira ininterrumpida. A despedida do seu público aconteceu no mes de xuño dese ano, cunha xira de 5 concertos que comezou en Ourense, o primeiro do mes, pasou despois pola Coruña, Lugo e Compostela e rematou no Teatro García Barbón de Vigo o 29 de xuño.

Escoita Navicularia

Escoita 10.0