Carlos Núñez

Gaiteiro e frautista vigués nado en 1972 que se ten convertido no máis recoñecido para alén das nosas fronteiras, coa meirande repercusión mediática e éxito de vendas acadados nunca pola música galega.

A traxectoria artística deste gaiteiro estivo vencellada dende moi novo á música tradicional, pois sendo un neno comezou da man do mestre Antón Corral na banda Xarabal e xa con doce anos actuou coma gaiteiro solista no Festival Intercéltico de Lorient. Tamén naquela época de mocidade xorden as continuas colaboracións que Carlos ten feito coa banda irlandesa The Chieftains, por exemplo a actuación xunto a eles no Festival Intercéltico do Morrazo de 1989, que culminaron no disco Santiago dos irlandeses, adicado á música do camiño homónimo e que chegou a acadar un Grammy, e na xira posterior que o vigués realizou canda eles coma un membro máis da lendaria banda.

Entrementres Carlos Núñez foi madurando coma músico, primeiro dentro dos Matto Congrio e logo en solitario, roteiro que comezou co’A Irmandade das Estrelas, (BMG-Ariola, 1997), traballo que acadou un éxito de vendas abraiante con máis de 150.000 copias vendidas, un ronsel de colaboradores, encabezado polos propio Chieftains e onde había oco tamén para Ry Cooder, a Vieja Trova Santiaguera, Kepa Junkera ou Luz Casal, que puxo a súa voz na versión musicada do “Negra Sombra” rosaliano, un dos temas máis escoitados do disco.

A seguinte etapa da carreira en solitario do frautista e gaiteiro chegou c’Os amores libres, (BMG-Ariola, 1999). Neste traballo, onde de novo a nómina de colaboradores apresenta estrelas internacionais coma Noa, Sharon Shannon ou o guitarrista Juan Manuel Cañizares, Núñez explora os vieiros do Sur, cunha tentativa de achegamento e mestizaxe da música galega co flamenco e a música árabe que sorprendeu a moitos.

Núñez e banda ao vivo en Tánxer (Marrocos) no 2010

Un ano despois, aparece Mayo Longo, (BMG-Ariola, 2000), un álbum dacabalo entre o folk e o pop, con forte protagonismo da voz da cantante lusa Anabela, que o acompañou na xira do disco e protagoniza xunto ao vigués o video-clip do tema “El pozo de Arán”, rodado na ría de Vigo a bordo dun veleiro. Neste traballo Núñez foxe da grandiosidade dos anteriores discos e artéllao todo dende a súa casa en Vilaboa, malia seguir a contar con algunha colaboración senlleira, coma a de Dan Ar Braz ou a do ex-Supertramp Roger Hodson. Ademais en Mayo Longo, Carlos atrévese por vez primeira a compor a música das súas cancións, asinando algunha das pezas do disco, “The moon says hello” e “Mayo Longo” entre elas. O seguinte traballo foi Todos os mundos, (BMG-Ariola, 2002), unha especie de grandes éxitos, cunha escolma de temas dos anteriores traballos e outros que apareceran en diversas colaboracións. Con este traballo tamén remataba o seu contrato coa BMG para publicar un ano despois, e xa con Sony, Almas de Fisterra, traballo para o que estivo practicamente 3 anos vivindo na Bretaña.

Convertido xa na altura nunha estrela internacional, Núñez compuxo en 2004 a banda sonora de Mar Adentro, a película de Amenábar sobre Ramón Sampedro e gravou un CD-DVD co concerto que deu no parque de Castrelos de Vigo ese verán, rodeado de todos os seus amigos.

Fin de festa do seu concerto do 2004 en Castrelos

A seguinte aventura de Carlos Núñez embarcouno rumbo ao Brasil, tras as pegadas do seu bisavó, proceso que culminaría coa gravación do seu oitavo disco de estudio, Alborada do Brasil, (Sony Music, 2009), no que volven colaborar os Chieftains mais desta volta ao carón de estrelas da música brasileira como Carlinhos Brown, Lenine e Adriana Calcanhoto. A historia do bisavó, que emigrou da Mezquita ao Brasil e desapareceu aló en 1904, acabou cunha investigación do propio Núñez e o comisario de policía Luis García Mañá que chegaron á conclusión de que moi probablemente o desaparecido bisavó fose un misterioso músico que aparentemente xurdido da nada comezou a asinar obras no Brasil en 1905 como JM Nuñes.

Despois doutro disco compilatorio, Discover (Sony Music, 2012), Núñez publica en 2014 Inter-Celtic, (Sony Music, 2014), un CD con temas inéditos acompañado dun DVD con extractos de concertos de Núñez ao longo de todo o mundo.

Inter-Celtic (Sony Music, 2014)

A Irmandade das estrelas (BMG-Ariola, 1997)