Chouteira

Grupo folk creado no comezo dos anos noventa que comezou sendo un quinteto tradicional ate evolucionar á formación máis ampla, sección de metais incluída, coa que rematarían a súa carreira. A súa primeira gravación foi un disco compartido editado por Edigal, que puideron gravar logo de vencer no IV Certame de música folk de Vilagarcía, traballo onde o estilo do grupo apenas se arredaba das pautas tradicionais e da interpretación de pezas pertencentes ao repertorio popular.

Chouteira ao vivo nas Crechas no 1995

Despois chegarían Chouteira, (Do Fol, 1995), Ghuaue, (Do Fol, 1997) e Folla de lata, (Do Fol, 2000), onde a presenza da voz de Ugia Pedreira, unida a evolución na instrumentación escolleita polo grupo, axiña zanfona, requinta e todo tipo de percusión menor e no terceiro disco tuba, trompeta ou saxo, ademais da paulatina incorporación de composicións propias ao seu repertorio son os factores que determinan a grande importancia de Chouteira no folk feito en Galiza nos últimos dez anos.

A formación de Chouteira sufriu algunha modificación dende os seus comezos, e na gravación do seu derradeiro traballo o grupo estaba integrado por: Ugia Pedreira, voz e pandeireta, Olga Nogueira, acordeón, Olimpio Xiráldez, gaitas, requinta, e bombo, Anxo Graña, saxo e zanfona, David Rodriguez, trompeta e fliscorno, Manuel Villar, Tuba, Francisco Estévez, percusións, Alfredo Moldes, percusións.

Máis alá de éxitos coma o televisivo “O ghai, ghai”, incluído nun dos discos do programa Xabarín da TVG, o grupo deixou algunha das pezas máis fermosas da música cantada en galego nos seus discos, traballos onde os coidados e aloumiños na creación, as inquedanzas que atinxiron nos dous últimos traballos tamén a temática das letras, conforman un legado, un xeito de evolucionar dende a música tradicional cara a un estilo de seu que poucos grupos acadan con acerto e calidade. O grupo decidiu en 2002 non volver a dar concertos, polos atrancos que para os seus integrantes supuña compaxinar os ensaios en Chouteira cos seus diversos labores e pola escaseza de ofertas que estaban a recibir, sen desbotar a posibilidade de editar material xa gravado.

Folla de lata (Do Fol, 2000)

Ghuaue (Do Fol, 1997)

Chouteira (Do Fol, 1995)