Cristina Pato

Nada en Ourense en 1980, Cristina Pato é unha gaiteira, pianista e compositora que dende moi cativa comezou a súa relación coa música e xa con quince anos formaba parte do grupo Mutenrohi. Tres anos despois gravou o seu primeiro disco en solitario, Tolemia, (Fonomusic, 1999), onde aposta por unha mistura do son da súa gaita co funk e o pop, nunha liña xa traballada nos tempos de Mutenrohi. Logo chegou Xilento, (Fonomusic, 2001), disco que mantén o camiño comezado en Tolemia de experimentación e diversificación dos estilos que interpreta Pato coa súa gaita. Desta volta o blues de Javier Vargas ou a guitarra de José Peixoto son algunha das colaboracións do traballo.

En 2004, Pato establécese en Nova York, para cursar estudos de posgrao de música e piano cunha bolsa da fundación Barrié de La Maza. Desde aquela, reside regularmente nos Estados Unidos, onde entrou a formar parte da Silk Road Ensemble do violonchelista Yo Yo Ma, formación coa que gañou 2 premios Grammy.

No tocante á súa carreira en solitario, en 2010 apareceu The Galician Connection (Zouma, 2010), traballo ao que seguiu Migrations (Sunnyside, 2013).

En 2015, Cristina Pato formou parte dun proxecto, Rústica, que tirou un LP homónimo, xunto a Anxo Pintos, Davide Salvado e Roberto Comesaña mais que, a pesar da calidade do disco, non tivo continuidade.

Nese mesmo ano publicou Latina (Sunnyside, 2015) un disco no que Cristina Pato volve interpretar, á gaita e ao piano, tanto pezas da nosa música como foráneas. Neste caso, cun achegamento á música latinoamericana. No traballo volve colaborar con Pato o acordeonista galego residente en Nova York Víctor Prieto.

ESCOITA CRISTINA PATO

Latina

Migrations

The Galician Connection

Tolemia