Cuarteto Caramuxo

Este peculiar cuarteto, o único composto por seis membros do que se ten noticia, supón unha das estreas máis interesantes na nosa música do século XXI. Inicialmente formado por catro clarinetes, tocados por Felipe Agell, Xoán Carlos Vázquez, Óscar Prieto e Fernando Abreu, -tamén Cándido Lorenzo estivo no grupo algún tempo-, e que abranguen toda a familia do instrumento, o Cuarteto Caramuxo mudou a sexteto coa entrada da percusionista Patricia Cela e do acordeonista Alonso Caxade, mais decidiu non cambiar o nome e si virar de vez o seu repertorio cara á reinterpretación de pezas da tradición musical do país, pescudando nos cancioneiros populares galegos e botando man de compositores actuais para recoller as súas melodías.

A formación gañou o concurso Festival Folk Cancioneiros convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza no 2008, o que lle valeu poder gravar este seu disco de estrea, Tiruriru, (Falcatruada, 2009). Un dos requisitos do concurso era que os traballos incluísen canda menos un 50% do seu repertorio temas recollidos do Cancioneiro galego de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal e Gay ou no Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar e deste xeito o traballo apresenta as reinterpretacións de varias destas pezas, como Muiñeira e Ribeirana, onde se altera a orde agardada co acompañamento de clarinetes para que o acordeón dea a melodía, ou Entre Vigo e Pontevedra, incluída, -ao igual ca o Pasatriple de Sárdoma-, tamén no espectáculo Vento Mareiro, no que o grupo colabora co actor Avelino González e polo que recibiu no ano 2006 o premio de teatro María Casares á Mellor Música Orixinal.

Precisamente esta faceta teatral, á que volveron en abril de 2010 coa estrea no Palacio da Ópera da Coruña d’A Ratiña Laranxa, un espectáculo didáctico para nenos de 3 a 6 anos, impera nas súas actuacións ao vivo, pois adoitan apresentar unha posta en escena moi coidada,  onde ningún detalle é deixado ao azar, o que fai ás veces dubidar de se non estamos diante dun verdadeiro espectáculo teatral no canto de asistirmos ao que comunmente agardamos que sexa un concerto.

Ao vivo no Aturuxo de Bueu en agosto de 2020, coa formación coa que gravaron Reviravoltas

Despois de seren finalistas nos Premios Martín Códax no ano 2013, gañaron o galardón no 2014, na categoría de música folk. En 2015 aparece Arrieiros Somos!, segundo disco da banda no que Marcos Padrón é o acordeonista despois de Alonso Caxade deixar o grupo.

O terceiro disco do Cuarteto, Reviravoltas, publícase en febreiro de 2022. Nel volve haber unha mudanza na formación e Xulia Feixoo, que xa levaba tocando desde uns anos antes ao vivo, substitúe a Patricia Cela. Neste traballo, o grupo avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica.

ESCOITA CUARTETO CARAMUXO

Reviravolta

Tiruriru