Doa

Grupo creado na cidade da Coruña e que na súa primeira e máis prolífica etapa, a década dos oitenta, contou nas súas ringleiras cun fato de nomes senlleiros do panorama folk nacente. Xa no seu disco de debut, O son da estrela escura (Ruada, 1979), onde aparecen na formación de Doa o cantautor Miro Casabella, o vionilista Michel Canadá, posteriormente integrante de Milladoiro, Xoán Piñón ou Bernardo Martínez, o grupo coruñés expón os que serían os seus sinais de identidade: gusto polas pezas medievais, nomeadamente composicións atribuídas a Afonso X, e preponderancia da vertente instrumental na súa música.

Esta segunda característica refórzase en Polaridade (Sociedad Fonográfica Asturiana, 1984), onde tan só a voz do asturiano Víctor Manuel acompaña nun tema a música de Doa, escorada cada vez máis cara ao folk progresivo e o jazz no tocante á codia estética mais chantada na composicións medievais e tradicionais na escolla das pezas. Este camiño segue Perfiles (Sociedad Fonográfica Asturiana, 1986), derradeiro disco da súa primeira etapa e probabelmente o máis experimental de Doa. Despois dunha fugaz reaparición en Compostela no ano 95, o grupo tirou Arboretum (Xingra, 2002), derradeiro polo de agora traballo, unha volta ás orixes, tanto polos integrantes coma polas composicións e instrumentación escolleitas.

ESCOITA DOA

Arboretum (2002)

Perfiles (1986)

Polaridade (1984)

O son da estrela escura (1979)