Emilio Cao

Músico compostelán nado en 1953 que se deu a coñecer con Fonte do Araño, (Zafiro, 1977) -antes colaborara co colectivo Voces Ceibes-, disco que encetou a conexión galaica co atlantismo musical puxante daquela noutras nacións europeas, nomeadamente Bretaña. Ao igual que a figura senlleira da música bretoa, Alan Stivell –que incluso chegou a escribir unhas liñas para a estrea discográfica de Cao-, foi a arpa o instrumento escolleito, seica por casualidade , por Emilio Cao para afondar na creación artística. Para alén da devandita estrea discográfica e d’A lenda da pedra do destiño (Guimbarda, 1980), ambos os discos encadrados de cheo na corrente celta do momento, as seguintes producións de Cao non tiveron na Galiza a repercusión que, proporcionalmente, acadaron no resto de Europa . Isto non debe achegar dúbidas sobre a calidade dos seguintes discos do arpista, que malia afastarse dos vieiros do folk, mellor sería dicir que medrando dende eles, pescudan novas vertentes musicais sen esquencer as raigames. A colaboración que mantivo co courelao Uxío Novoneyra, materializada en Amiga alba e delgada (Boa, 1986), e a visión da obra de Manuel Antonio que ofrece Cartas mariñas (Boa, 1992) son exemplos desta nova xeira que continuou o compostelán con Sinbad en Galicia (Boa, 1996).

Video
http://www.youtube.com/watch?v=mjrck0_Ag3I