Imprimir |  Close this window

Güintervan

Video
En activo
si
Güintervan

Apresentado no mes de abril de 2011, Mundo loco, (Autoeditado, 2011), é a carta de presentación de Güintervan, unha nova proposta musical que promete facer tremer os alicerces musicais do planeta. A formación que se converteu nunha das revelacións dos festivais do verán de 2010, sorprendendo cun directo poderoso que non deixou ninguén indiferente. Despois da súa actuación no Festival de Pardiñas ese ano, -en Guitiriz, festa senlleira que xa vai pola súa triséximo segunda edición-, as olladas dos seareiros do folc galegos xiraron cara a unha proposta novedosa que tentaba fuxir do verniz céltico que recobre grande parte das propostas do xénero, tentando atopar na mestura da tradición galega coa música de raíz búlgara e con toques de canción lixeira italiana o elixir que lles permita engaiolar o público nos seus directos. E nesas seguen estes catro músicos que, malia o novedoso da súa proposta, son en realidade experimentados instrumentistas curtidos noutras formacións con longa andaina na nosa música folc e tradicional. De feito, Roi Alexandre Van Güinter e o seu “irmán” Isaac Van Güinter son os alter egos de Roi Adrio e Isaac Millán, integrantes de Quempallou, e Harry van Güinter e Iván van Güinter, -os outros dous “irmáns” que compoñen a banda- son Harry Price e Iván Gulín, integrantes dos desaparecidos MacFeck. Das cinzas desta banda, na que tamén tocaba Isaac Millán, naceu de feito a Güintervan, co engadido extra da batería do percusionista de Sárdoma, Adrio, nun movemento que xa indicaba con claridade que as intencións da nova formación eran afastarse dos aires celtas para lle dar outro percorrido á súa música. De feito, foi o labor de investigación do propio Price arredor da gaita búlgara, a gaida, e das melodías tradicionais interpretadas por bandas como Urs Karpatz, Taraf de Haïduks ou orquestras como a de Bretovitsa ou a de Rodopi o que forneceu os alicerces sobre os que se estrutura o disco de estrea da banda, no que das doce pezas, -máis da metade cantadas por Gulín-, dez son adaptacións de melodías tradicionais búlgaras. Nelas o violín de Price, ás veces tamén a gaita búlgara, levan o peso da canción, sobre unha base construída arredor do contrabaixo, a batería e as guitarras ao vivo, mais que no disco engade algún outro instrumento como o cello ou a viola tocados tamén polos propios “irmáns” van Güinter. Ao feito xa inusual, cando menos nas bandas galegas, de ollarmos unha gaida, un cello e unha batería compartindo escenario hai que lle engadir o protagonismo que a percusión, ás veces tamén o contrabaixo, ten á hora de lle replicar ao violín, e tamén a presenza da sorprendente voz de Gulín, -con andaina metaleira e operística-, o que fai que o son dos Güintervan acabe tendo momentos nos que o jazz, a música italiana ou tamén a irlandesa aparezan con claridade envurulladas no folclore balcánico.

Imprimir |  Close this window