Home Cartafol Folk Pepe Vaamonde Grupo

Pepe Vaamonde Grupo

O pasado mes de maio presentouse na cidade da Coruña o novo traballo de Pepe Vaamonde Grupo, Introterra. O disco composto por once temas segue a liña marcada nos traballos anteriores desta formación, Aviouga, a súa estrea no ano 2002 que foi sinalado polo xornal A Opinión da Coruña como un dos mellores discos folc do ano e Onde nace o vento, segundo traballo que chegou no 2006. De novo unha mestura de pezas tradicionais con composicións do propio Pepe Vaamonde, outra volta pezas instrumentais acarón de temas cantados e a presenza dun dos elementos que compuñan a natureza segundo a civilización grega como leit motiv da obra. Se en Aviouga foi a auga quen funcionou de elemento unificador dos doce temas que compuñan o disco, en Onde nace o vento o aire, a forza do vento galaico era onde a formación procuraba a inspiración para as composicións, agora é a quenda da terra. Unha terra onde furan con silente paciencia as raíces esculcadoras de Pepe Vaamonde Grupo para seguir a lle dar xeito a súa forma de entender a música tradicional. Choutando por riba do século XX, apenas representado por unha polca, todas as composicións de Introterra, tradicionais ou non, apuntan cara ao século XIX. Non vai atopar quen escoita nin rumbas nin pasodobres, nin case ningunha referencia ou chiscadela ás achegas que a música galega foi recibindo ao longo do pasado século. O reto marcado por Pepe Vaamonde Grupo era facer música do século XXI a partir das sonoridades do XIX, na liña de folc clásico que vén acompañando á formación nos seus oito anos de vida, incidindo -como eles mesmos teñen manifestado- na procura do concepto de música galega máis no xeito que a formación lle dá a súa música ca no formato.

Novas Relacionadas:

Buscar no Cartafol:

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto