Home Cartafol Folk Roi Casal

Roi Casal

Arpista de Catoira que editou no 2011 Maxicamente vello, (Inquedanzas Sonoras, 2011), traballo onde, ao igual ca na súa estrea en solitario, Lendas douradas, (PAI Música, 2008), Casal mistura con mestría a música folc co pop, arroupando a sonoridade contemporánea que xeran as cordas de arpa, bouzuki e guitarra nun trasfondo que vai beber no máis puro da música de noso. E isto non é estraño, se temos en conta que estamos a falar dun músico que con apenas trinta anos leva participado en varios dos mellores discos de música galega da última década. Unha discografía que inclúe O niño do sol, (Discmedi, 2002), onde o podiamos ver na súa estrea con Milladoiro, aínda un mozo imberbe que tomaba o relevo na arpa de Rodrigo Romaní, o que fora o seu mestre no instrumento, ou 25, (Discmedi, 2005), a relectura dunha presada dos temas sobranceiros da mítica banda que revitalizou a música folc no país. Porque non se pode entender a andaina en solitario de Roi Casal sen incidir no seu paso por Milladoiro, que rematou co, polo de agora, último disco do grupo, A quinta das lágrimas, (PAI Música, 2008), editado no mesmo ano que decidiu Casal encetar a súa propia andaina como artista en solitario. Casal reuniu ao seu redor unha banda sólida, tanto na gravación do disco como ao vivo, que entende e interpreta á perfección as sensacións musicais que quere transmitir o de Catoira. Silvia Ferre, voz que encaixa ben na sonoridade dacabalo do folc e o pop procurada; a percusión de Dani Riveiro, curtido na tradición e tamén no jazz; Alfonso Merino, violín e outras cordas, colaborador de Sondeseu ou Carlos Núñez; Manu Conde, guitarras e compañeiro de Roi en Milladoiro; Pablo Pérez, baixista entre outros da Banda Crebinsky e Alfredo Susavila, teclista e proveniente tamén da escola jazzísistica conforman unha banda solvente, de calidade e que achega a súa impronta persoal para acabar de configurar a sonoridade dos seus traballos.

Novas Relacionadas:

Buscar no Cartafol:

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto