Home Cartafol Folk Xosé Manuel Budiño

Xosé Manuel Budiño

Gaiteiro moañés nado en 1967 e que malia a súa xuventude desenvolveu xa unha intensa carreira artística. Esta comezou na escola de gaitas Semente Nova para logo pasar, ao igual que moitos dos músicos senlleiros, –nomeadamente gaiteitos-, do panorama actual do folk galego, polo Obradoiro de instrumentos populares da Universidade Popular de Vigo e pola banda de gaitas Xarabal. Despois de acudir en varias ocasións ao Intercéltico de Lorient, onde chegou a tocar como gaiteiro solista e gañar en 1991 o premio MacCallan de gaita, Budiño enrolouse no proxecto Fol de Niu, formación anovadora que misturou sons de raíz afroamericana, rock, jazz, blues,..., coa tradición galega. Neste grupo concidiu co percusionista Leandro Deltell que logo o acompañaría na súa carreira en solitario; Paralaia, (Autoedición, 1997), foi a estrea neste novo camiño onde se arroupou dunha banda de calidade que axiña lle permitiu acadar, xunto coa bagaxe e estilo tirados de Fol de Niu, un lugar de peso no panorama folk internacional. A sona acadada fixo que o selo Resistencia editase de volta o disco e incluso levou o gaiteiro ate o Celtics Connections de Glasgow ou o Hot Pipes Festival da BBC. Co acougo profesional adquirido tralo gran suceso do seu debut, e trala fichaxe polo multinacional Virgin, Xosé Manuel embarcouse na gravación do seu segundo traballo, Arredor, (Virgin, 2000), realizada en Escocia coa produción de Donald Shaw, membro de Capercaille, onde abriu un novo vieiro na evolución do folk galego caracterizado pola presenza da electrónica e de samplers na súa música. Outra característica é a continua presenza de colaboradores de luxo nos seus traballos: Mercedes Peón, Jacky Molard,…, que van aparecendo en todos os seus discos, ademais doutros que puntualmente colaboran nalgún tema coma Kepa Junkera ou Leilía. Neste segundo disco aparece o tema “Compostela”, feito para un programa que as televisións públicas europeas realizaron co gallo do comezo do novo milenio, que popularizou a imaxe do gaiteiro tocando nos tellados da catedral compostelá. Salienta en Budiño a súa faceta compositora, é autor da música da maioría das pezas dos seus discos, que marca fortemente o carácter experimental e creativo da súa obra. O seu terceiro disco, Zume de terra, (Boa, 2004), supón a madureza neste devir creativo, cunha proposta onde por vez primeira Mercedes Peón cede o protagonismo da parte vogal que recae nas voces da brasileira Lilian Vieira e a caboverdiana Sara Tavares, para alén dos samplers de antigas gravacións dos anos 40 e 50 do século XX, e que inclúe a canción “A Galicia vente xa” pertencente á promoción do Xacobeo 2004. do seu novo traballo, Home, (Falcatruada, 2007), que afonda na liña marcada en Zume da Terra, (Boa/Col. Do Fol, 2004), con temas de composición propia, emprego da electrónica e colaboracións de nivel, alicerzado na calidade técnica e no coñecemento profundo da música tradicional do gaiteiro Budiño.

Novas Relacionadas:

Buscar no Cartafol:

Índice Alfabético de Grupos

A-B-C-D-E-F-G-H-I-J-K-L-M-N-O-P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto