Ataque Escampe

Ataque Escampe é un grupo de pop formado en Compostela no 2001, arredor da residencia Monte da Condesa da USC. Pouco despois comezaron dar os seus primeiros concertos, entre eles o 1º Concerto Expansivo Nunca Máis organizado pola Burla Negra despois do desastre do Prestige.

Banda compostelá fundada no 2002, que se consolidou no panorama galego despois de publicar A grande evasión, disco que chegou aproximadamente un ano despois do suceso que tivo Galicia es una mierda, (A Regueifa Discos, 2008), con 15 000 descargas e algún que outro ataque dos que non entenderon a crítica retranqueira e se enganaron coa provocación, -punk para Lupe Gómez-. De feito, houbo algúns que incluso pensaron que a censura era o mellor método para non incomodar as mentes autoodiantes da clientela que sobe e baixa maina nas escaleiras mecánicas mentres mira chegar a primavera e as semanas fantásticas.

Malia estas e outras pequenas e curiosas anécdotas, no espazo que houbo entre traballo e traballo o mundo criativo da banda non parou de ferver e agasallaron os seus seguidores con Galicia es una fiesta, (A Regueifa Plataforma, 2008) cos remixes do Dr. Painkiller de cinco dos temas do segundo traballo da banda.  Tamén houbo mudanzas na formación, malia conservaren intacto o núcleo formado aló polo comezo do século na Facultade de Filoloxía da USC por Samuel Solleiro, Roi Vidal, Miguel Mosquera e Álex Charlón, e así a marcha do acordeón de Francesc Esteve, Paq, deu lugar á entrada dos teclados de Lois García. No 2011 publicaron Violentos anos dez, disco que podedes escoitar e descargar en GZmúsica. 

Entrevista na presentación de Discos da Máquina. Compostela, 2012

En 2012 forman parte da creación do selo Discos da Máquina e avanzan cara á profesionalización da banda, coa entrada do batería Álvaro Trillo, o que fai que Roi Vidal pase a tocar outros instrumentos como a melódica e a ocuparse da voz. Coa saída de Álex Charlón, voz nos primeiros traballos, no 2015, despois da gravación d'O disco vermello. Alén dalgunha gravación solta, no 2017 publicaron Primeiros bicos.

Falamos con eles no festival Deleite, en Belvís no 2017

En 2018, publican o díptico formado por Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018), dousdiscos que reúnen todas as cancións gravadas por Ataque Escampe até 2018 que non estaban incluídas en traballos propios. Todos os temas foron (re)masterizados por Carlos e Alberto Quintá no estudio As Gonzalinhas (Bermés, Lalín) en decembro de 2018.

Contra finais do ano 2019, e despois dunha épica despedida dos violentos anos dez en Compostela, Ataque Escampe publica A alma, un EP de cinco cancións que supuxo á volta de Álex Charlón á voz do grupo, despois de o Roi Vidal abandonar a formación ao vivo pero manténdose vinculado ao grupo.

Coa chegada dos confinamentos a comezos do 2020, co grupo en plena presentación do novo disco (de feito, GZmúsica estivo a entrevistalos no Liceo Mutante de Pontevedra apenas 4 días antes do primeiro peche), a formación entrou nun obrigado parón que romperon en xaneiro do 2022 cun novo single.

Ataque Escampe (1ª formación):

Roi Vidal – Batería, kazoo, coros
Xoán Lois G. Carlín – Baixo  eléctrico, contrabaixo, piano, teclados, maracas, coros
Samuel  Solleiro – Banxo, guitarras, harmónicas, slide, xilófono, pandeireta,  coros
Álex Charlón – Voz, coros
Miguel Mosqueira – Guitarras, voz,  coros

Formación (2015-2019)

Roi Vidal: voz, melódica, xilófono e coros.

Miguel Mosqueira: guitarra acústica, guitarra eléctrica.

Samuel Solleiro: guitarra acústica, guitarra eléctrica, banxo e harmónica.

Xoán Lois García Carlín: baixo e teclados.

Álvaro Trillo: batería.

Formación actual:

▪️ Álex Charlón: voz, coros.

▪️ Samuel Solleiro: guitarras, coros.

▪️ Miguel Mosqueira: guitarras, voz, coros.

▪️ Cibrán Tenreiro: batería, percusións, coros.

▪️ Lois Carlín: baixo, programacións, coros.

▪️ Julio Vilariño: sintetizadores, coros.

Accede á zona de descarga de Ataque Escampe


Escoita algún dos discos de Ataque Escampe. No seu bandcamp tes acceso á discografía íntegra.

Violentos anos dez (2011)

Disco Vermello (2014)

A alma (2019)