Miro Casabella

Músico nado en Ferreira de Valadouro, provincia de Lugo, que ten desenvolvido unha das traxectorias máis sólidas e importantes da música galega ao longo das últimas décadas do século XX.  Porén, o seu nome quizais non resulte especialmente familiar nos ouvidos do público máis novo, aqueles que non teñen anos dabondo como para lembrar a andaina de Voces Ceibes.

Porque Miro formou parte, aínda que dende a distante Barcelona onde mantiña a súa residencia, dunha das senlleiras expresións culturais galegas do século XX, o fato Voces Ceibes, grupo de cantores que desenvolveu o seu labor artístico na década dos setenta, entre o férreo control policial da ditadura e a esperanza do novo tempo que se albiscaba daquela no futuro máis cercano. Casabella entrou en contacto con Voces Ceibes na cidade catalá onde residía, ao ser Barcelona destino cotiá destes músicos galegos para rexistraren os seus primeiros discos en formato E.P.- catro cancións-, e daquela época de cantautor, con notoria influencia da nova cançó catalá, temos hoxe a lembranza das dúas primeiras producións discográficas, en formato LP, de Casabella, Ti, Galiza, (BMG-Ariola, 1977) e Treboada, (BMG-Ariola, 1979), onde recolleu gran parte do repertorio que foi elaborando ao longo de toda a década. E hai un feito que diferenciou este repertorio do cantautor lugués do traballo que desenvolvían os seus compañeiros de Voces Ceibes, pois Miro sempre mantivo aberta unha liña onde tiñan cabida, para alén das cancións contestatarias propias dos demais integrantes do grupo, as cantigas tomadas da tradición popular, mesmo tiradas da época medieval, que xa están presentes no seu primeiro traballo discográfico pero que protagonizarían o seu segundo disco, onde incluso aparecen temas instrumentais que anticipan a eclosión do movemento folc que tería lugar pouco despois. Xunto a eles, pezas coma “Cantigas da Emigración”, “Os Irmandiños” ou “Copliñas galegas” onde, ás veces tirando proveito do acervo popular e outras dende a autoría do músico, a pegada da tradición é evidente, mesmo naqueles temas onde é Miro quen asina as letras. E loxicamente tamén houbo oco naqueles primeiros traballos de Casabella para a “canción-protesta”, propia dunha época onde nin tan sequera a bandeira galega tiña ningún recoñecemento oficial, feito que de seguro provocou a louvanza que dela fai o músico no seu álbum de estrea.

Miro Casabella no Barco no 2021. Foto A.R. para osil.info

Despois da  súa época en Voces Ceibes, e seguindo a liña que comezaron a marcar os seus elepés, que engadiron máis instrumentos -salientando a incorporación de gaita e zanfona- á guitarra que unicamente acompañaba a voz de Casabella nas súas primeiras gravacións en formato EP, o músico decidiu continuar a súa andaina uníndose a Doa. Este grupo coruñés de tamén longa traxectoria contou entre os seus fundadores con Miro Casabella, que uniu a súa voz ao proxecto que estaban a artellar na Coruña Xoán Piñón e Bernardo Martínez. Afastándose por completo da canción protesta, Casabella diluíu a súa personalidade nunha formación en que destaca a súa inquedanza pola música medieval, cantigas de Afonso X, Martín Códax, ..., acompañadas dalgún tema tirado do folclore galego, ás veces tamén pezas de folcores de alén das nosas fronteiras, onde a voz do músico lugués cobraba protagonismo. Ademais, na súa xeira en Doa, Casabella tocaba tamén cítola e zanfona.

No 2003, apareceu un novo disco en solitario do músico lugués, Orvallo. A pesar de non ter publicado novas cancións desde aquela, Miro segue a actuar regularmente polo país.

ESCOITA 'ORVALLO'