Nadadora

Unha das formacións que con máis forza irrompeu no panorama pop estatal nos primeiros anos do século XX foron os Nadadora. A pesar de teren o seu centro de operacións no Grove, os integrantes deste sexteto, Sara, voz, Gonzalo, voz e guitarra, Iñaki, guitarra, Dani, batería e programacións, Montxo, teclado e metalófono e Edu, baixo, son de varios puntos do país e comezaron a súa traxectoria no 2002. 

Na súa andaina publicaron varias maquetas e EP’s e tres discos longos: Todo el frío del mundo, (Jabalina música, 2005), Hablaremos del miedo, (Jabalina música, 2007) e Luz, oscuridad, luz, no 2010. Traballos que os levaron a se facer un nome nos círculos pop e a participar en festivais estatais  importantes como o FIB de Benicássim, Primavera Sound ou Contempopránea. Música lánguida, melancólica, de escoita doada mais que só apaixonará os popeiros confesos, o que máis destaca é o xogo de dúas voces, Sara e Gonzalo, e as melodías tranquilas artelladas arredor das guitarras.

Con letras en castelán primordialmente, aínda que con algunha incursión no galego, -houbo até rumores da aparición dun disco neste idioma que nunca chegou a saír-, a banda mostrou unha evolución no seu último traballo, xa non unha simple escolma de singles, e unha clara transición cara a unhas letras máis limpas e menos agachadas atrás das melodías, evolución que, intencionadamente ou non, petaba nas portas da radio fórmula sen que esa deriva os fixese perder os sinais de identidade que os levaron a destacar entre as moreas de grupos que practican un estilo musical que axiña cae na superficialidade e nun pseudo-dramatismo impostado, dos que  os Nadadora conseguiron fuxir. Decidiron pór punto final á súa traxectoria contra finais do 2012, con senllos concertos na Coruña e Vigo.

Video
http://www.youtube.com/watch?v=r2gzHw0u85w