Tino Baz

Tino Baz é un cantautor galego nado na Guarda en 1972. Desde cativo, viviu de perto a música do país, comezando a tocar a gaita aos 8 anos ou asistindo coa familia ao Festival da Poesía do Condado. Con apenas 18 anos, entrou a formar parte da Roda, grazas a Suso Vaamonde, figura moi influente no desenvolvemento como músico de Tino.

Precisamente, nese Festival da Poesía que el xa coñeceu e gozou de neno, hai unos anos un fato de mozos nomeaban, -co berro por ferramenta-, patriota galego a Tino Baz. E non erraban. Patriota, poeta e cantor, o guardés atesouraba xa unha longa andaina musical, -que o ten levado a partillar experiencias con Suso Vaamonde, A Quenlla, A Roda ou Treixadura-, ante de presentar o seu primeiro traballo, Cinsa Namorada (2008), onde acarón do poema homónimo de Marica Campo, dez composicións do miñoto artellan un disco onde música e poesía se ensarillan como poucas veces ollamos no panorama musical actual, xa que a calidade dos textos, a forza que lles sabe imprimir, fan deles parte imprescindíbel do disco.

Despois de anos de sliencio creativo, Tino Baz publica en 2019 Si cantan, es ti que cantas, un traballo onde o xenial músico guardés musicaliza marabillosamente poemas de Rosalía de Castro. No disco, Tino Baz, ademais de pór voz, toca guitarras e zanfonas e ven acompañado polas colaboracións de Laura Quintillán, Alberto Vilas, Lorenzo Chuchín, Carlos Villanueva e Nacho Álvarez. Tamén colabora o coro Cantares do Brueiro de Camposancos (A Guarda).
O caderno interior é outra xoia fermosísima grazas ás ilustracións de Karina Mouriño.

ESCOITA TINO BAZ

Presentación 'Si cantan, es ti que cantas..."(2019)

Cinsa Namorada (2008)