Desvirgheitors

  • 35.jpg

Desvirgheitors foi unha banda punk viguesa formada a mediados dos anos 80, que chegou a publicar un LP homónimo no ano 93, despois de ter publicado varias maquetas, para se separar pouco despois. Cantaban maioritariamente en castelán pero tamén tiñan algún tema en galego, sendo pioneiros do estilo na nosa lingua.

A banda sacou unha primeira maqueta en 1987, tamén homónima, na que se incluía entre outros o "Puta mili", canción que acadou certa popularidade no movemento anitmilistarista galego. En 1991, e despois de mudanzas na formación coa entrada dalgún antigo membro dos KdK, publican "Demo 91", sen dúbida o mellor traballo dos Desvirgheitors, onde aparecen temas como "Paraísos Perdidos" -do que fixo Skacha unha versión tempo despois-, "Polvo amargo" ou "Uh ah ke kalor" e que os levou a ser coñecidos no panorama punk estatal e dar concertos en Euskal Herria, Asturies ou Madrid. Tamén a aparecer en compilatorios punk estatais xunto ás bandas punteiras do estilo na época.

Após novas mudanzas na formación, coa entrada de novos guitarristas máis próximos ao metal, chegou o seu único LP, "Desvirgheitos", no 1993, que chegaron a presentar en squats na Alemaña, para se desfacer a banda pouco tempo despois. Desaparecidos antes do auxe do punk na cidade olívica, moitas destas bandas recoñecen os Desvirgheitors como referentes. Curiosamente, e apesar dun nome que hoxe sería bastante pouco politicamente correcto, foi unha das primeiras bandas con presenza feminina, Pili, baixista do grupo ao longo de toda a súa traxectoria. Xavi, cantante e ocasionalmente batería da formación, é hoxe o frontman dos Transilvanians.

Escoita Desvirgueitors

Demo 91 (1991)

Desvirgheitos (1993)