O Jarbanzo Negro

  • 42.jpg

Cando o Rock Bravú aínda non estaba inventado, ou aínda ninguén lle puxera nome, había pola Coruña un ghrupaso que sorprendía a golpe de gaita e mais distorsión, Os Verjalludos, Vodas, Banquetes e Barricadas, aló polo ano 90. O grupo desapareceu e algún dos seus membros acabou fichando por outras bandas de sona da cidade coma Os Diplomáticos.
Dos outros non se soubo máis nada deica a aparición no 2000 de Terra without grenzen, Terra sen fronteiras, primeiro traballo do Jarbanzo Negro.
¿ E de quen veñen sendos estes jarabansos? Pois Nacho e Vias, tremendo baterista-home orquesta, da Coruña que rabuña, dos devanditos Verjalludos, Paquiño, Marrajo e Magaña, dunha aldea de Cáceres e Tanja, Uli e Robert da Alemaña. Mistura europea con experiencia de cómicos ambulantes que arrexuntan unha muiñeira cunha rumba dos balcáns, cun corrido mexicano e danlle lume. Potaxe de Jarbansos.

E este Buscavidas segue a ser máis desta patxanka con recendo a Klezmer e a música xitana, a jevi-jaiteiro e a punk inglés mais coa cerna na música galega, cecais porque a meirande parte das letras e “ideas musicais” sexan de Nacho e Vias. Os 16 temas de Buscavidas abranguen todos eses estilos musicais co obxectivo de facer bailar e gozar, cun pasodobre ou cun pogo, deixando un pedazo de lado as letras gherrilleiras moito máis presentes en Terra Without Grenzen.
Salientan neste traballo as colaboracións de Xurxo Souto, Iñigo Muguruza e Oscar dos Cempés, cada un nunha canción axeitada aos seus distintos estilos musicais. O mellorciño do CD é La Oveja Negra, bases a ritmo ska, rapeo por riba e gaita, Esa Penita, tremenda rumba ou Can de Palleiro.

Video
http://www.youtube.com/watch?v=MztqIyIPh8s