Imprimir |  Close this window

Kogito

Kogito é unha banda de ska da comarca de Vigo de longa e intermitente traxectoria. Con numerosos cambios na súa formación ao longo deste tempo o que si é constante nas sucesivas etapas da banda é un compromiso co ska...e a festa.

KOGITO... penso... en... pasalo ben, montar festa e bailar...

Esa é a súa proposta. Un consolidado grupo de músicos que saen á carreira con gañas de amosar un variado e divertido directo cheo de ska, punk-rock, reggae e mestizaxe. 

Despois duns cantos anos dunha intermitente traxectoria a banda logrou facer un directo no que se misturan a madurez dos temas cunhas tremendas gañas de festa e de verbena.

A súa nova etapa comeza no ano 2005 coa gravación do primeiro traballo composto por 5 temas. No ano 2006 fixeron a presentación do mesmo facendo un percorrido polas distintas salas e festivais da Galiza. A finais do mesmo ano voltaron ao estudio para gravar outro traballo composto por catro temas, coa idea de melloralo e amplialo. Esa mellora chega entre finais do 2008 e comezos do 2009 coa gravación dun disco de trece temas chamado “AUTÓMATAS”, gravado e masterizado nos Estudos Areamaster de Vigo.

Despois dun novo parón, volven no 2012, cun concerto no café Rañolas de Gondomar onde presentan o tema A volta dos nove, homenaxe a un grupo de asasinados polo fascismo no Val 
Miñor.
Todos estes anos pasaron por festivais e salas da Galiza tan importantes como o Cultura Quente (Caldas de Reis), o Foundation Reggae Festival (O Burgo), o Freixo Rock (Vigo), o Festival Taíña (Goián), o Festival A Noite do Trasno (Bueu), o Festival Rebumbio (Mos), e salas tan importantes a nivel galego como son A Iguana Clube (Vigo), A Fábrica de Chocolate (Vigo), Club Clavicémbalo (Lugo), Sala Aturuxo (Bueu), Mardigrass (A Coruña), ou a Sala Capitol (Compostela) no III Festival Multiartístico Musiquina 33mg. Compartiron escenario con bandas como The Pepping Toms, Ruxe Ruxe, Dakidarría, Skarnio, Skacha, The Toasters, La Kinky Beat, Zulú 9.30, Macaco, Betagarri, Don Carlos, Daara J, Skarface, KOP, Gatillazo, Trabalhadores do Comércio, Peste e Sida, Dixebrá, Talco, etc. Fixeron tamén algunha incursión no estado español, Portugal e Euskal Herria.
Ademáis participaron en varios concursos tales como:

Millarock’06: gañador
Foundation Reggae Festival’07: gañador
A Polo Ghit 2007: finalista
Festa do PCE 2007: gañador


Imprimir |  Close this window