Nen@s da Revolta

Nen@s da Revolta (apesar da arroba frecuentemente pronunciado Nenas da Revolta, en feminino), foron un grupo galego formado a comezos da década dos noventa na cidade de Vigo no contorno do Centro Social Ocupado Ruela. Nos seus comezos, con só tres membros, o grupo segue un estilo máis vencellado ao hardcore, porén tras un parón de tres anos e coa incorporación de novos membros, experimentan unha evolución moi rápida cara á música de mestizaxe, abríndose a múltiples influencias que van dos sons latinos e caribeños á música popular galega ou o hip hop.

 O lanzamento do seu primeiro álbum en 1998 Raggaliza dissidente + A Revolta d@s Nen@s recolle, como evidencia o dobre título, as dúas facetas do que até entón fora o grupo. Xunto a nove temas marcados polas influencias caribeñas, aparecen outros seis da primeira etapa da banda. O traballo é editado polo selo Sons de Luita. Seguirao As vozes roubadas, de 2000, co selo Boa Music, cunha produción e un acabado moito máis profesional, no que o grupo afirma xa a súa vocación de facer música mestiza. Ese mesmo ano un dos temas dese álbum ("Rebeliom na granja") será escollido para o recompilatorio Radical Mestizo Dos Punto Mil, do selo Revelde Discos, onde comparten protagonismo con figuras internacionais como Fermin Muguruza, Hechos contra el decoro, Manu Chao, Orichas ou Os Diplomáticos de Monte-Alto.

 As letras dos dous álbums evidencian os múltiples compromisos políticos do grupo, tocando temas como a situación da Galiza baixo os gobernos de Manuel Fraga, a situación das persoas presas, a liberdade sexual, a liberación animal, ou a loita feminista, explicitada na arroba que figura no nome do grupo. Ao mesmo tempo, como unha opción ideolóxica máis, o grupo presentou todos os seus títulos e letras en galego reintegrado.

 O proxecto das Nen@s da Revolta acaba no ano 2001, aínda que o grupo volverá reunirse sobre un escenario en Vigo o 14 de marzo do 2008, na celebración do vinte aniversario de Radio Piratona, xunto a Tiro na Testa e a La Vaga Banda.

 O legado do grupo na música galega pode rastrearse en proxectos como A Matraca Perversa ou Galegoz, nos que participou algún dos seus membros.



Video
http://www.youtube.com/watch?v=qHfq588TkPs&feature=related
Fonte de información: