Gaiteiros de Soutelo

  • 54.jpg

Saga familiar de gaiteiros que ten o seu expoñente senlleiro en Avelino Cachafeiro, 26/05/1899-13/04/1972, gaiteiro de moitísima sona nos anos vinte do pasado século e que xunto aos seus irmáns Castor, tamén gaiteiro e Bautista, voz e caixa, e ao seu pai Fermín, ao bombo, consolidou a formación de dúas gaitas, tamboril ou caixa e bombo que hoxe coñecemos coma cuarteto tradicional. O éxito acadado polo cuarteto permitiulles gravar seis discos, onde aparecen algunhas das pezas que máis sona lle deran coma as muiñeiras de Chantada ou Ponte Sampaio, a Alborada de Rosalía ou o Heicho de dar queridiña, e incluso chegar a realizar unha xira por América. Dende que volveron a Galiza en plena Guerra Civil, o grupo desapareceu e Avelino Cachafeiro nunca máis tocou a gaita. Volveu percorrer Galiza, non recollendo melodías polas aldeas nin acadando éxitos coas súas actuacións, senón recollendo as sensacións que despois deitaría en Voando cas aas da vida, poemario autopublicado, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, e que inclúe na portada un mural cun fermoso debuxo de Lugrís. Cómpre lembrarmos que nunha época en que a posición social do gaiteiro non gozaba do prestixio que pode ter hoxe, persoas coma Cachafeiro, e antes o seu pai e avó, Ricardo Portela, co que chegou a tocar nun mesmo escenario, ou Moxenas, só por citar tres exemplos sobranceiros, mantiveron a tradición viva ate os nosos días.

Video
http://www.youtube.com/watch?v=lUxd_oimyZM