Muxicas

  • 68.jpg

O Quinteto Tradicional Muxicas formouse en 1978 ao redor do famoso gaiteiro Moxenas e ao longo dos seus vintedous anos de vida, deron o seu concerto de despedida o 15 de setembro de 2000 en Vigo , mantiveron unha liña coherente, apegada a vertente máis tradicional da música folk. Malia abandonar Moxenas a formación tralos dous primeiros discos, Parolada, (Edigal, 1982) e o impresionante disco dobre Muxicas, (Edigal, 1986), a incorporación da voz na persoa de María Xosé López, que logo tamén deixaría o grupo para pasar a Anamoura, ou incluso a modificación do nome –o terceiro traballo, O demo fungón, (Edigal, 1988), xa aparece só baixo o nome de Muxicas-, non se pode falar de variacións significativas no devalar artístico do grupo, aferrado a unha sonoridade enxebre onde só hai espazo para a gaita, a zanfona, o acordeón, a requinta e a percusión tradicional, tratada con agarimo e cun amplísimo abano de opcións instrumentais: pandeiro, pandeireta, cunchas, culleres, tarrañolas, bombo,...; Este esquema ségueno tamén en Desafinaturum, (Edigal, 1990), de significativo título na defensa do que é para eles a música tradicional, calidade e non afinación, Escoitando medra-la herba, (Clave Records, 1992), de estrutura circular e No colo do vento, (Clave Records, 1996). O ano en que cumprían vinte anos de carreira tiran Naturalmente, (Clave Records, 1998), segunda cimeira da súa produción, onde o grupo vai introducir colaboracións atípicas na súa traxectoria: o piano de Diego García ou a Banda de Música de Beade. A súa carreira rematou con 20 anos de camiño, (Clave Records, 1999), unha sorte de grandes éxitos, onde recollen pezas dos seus discos anteriores xunto a algunha nova gravación.

Video
http://www.youtube.com/watch?v=VRD0U-wyeHw