Pallamallada

Grupo tradicional das terras da Arousa, creado a mediados dos anos oitenta pero que presentou o seu primeiro traballo en 1989, Porque non hei cantare, (Tecnosaga, 1989), cun repertorio baseado nas pezas tradicionais que o propio grupo foi recollendo cos anos ao longo da xeografía galega. Esta liña mantense nas seguintes achegas discográficas de Pallamallada: Na seitura do Barroso, (Ed. do Cumio, 1994) e Caloreiriña das Bouzas, (Ed. do Cumio, 1997), onde para alén da instrumentación típica do cuarteto tradicional, gaitas e percusión, engaden outros instrumentos coma zanfona, clarinete ou acordeón; ademais, un fato de pandeireteiras forman parte do grupo dende os seus comezos, sendo unha das formacións pioneiras en as incorporar no folk contemporáneo.