Voces Ceibes

  • 273.jpg

O 1 de decembro de 1968, nun acto apresentado polo poeta Manuel María, tería lugar a presentación do colectivo de cantautores galegos Voces Ceibes no Teatro Capitol de Compostela, testemuña por outra banda de moitos feitos senlleiros da nosa historia recente. Benedicto García, Xavier del Valle, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Vicente Araguas e Miro Casabella deron un recital conxunto onde sentaron as bases da canción protesta galega  que nacía como contestación ao éxito comercial que intérpretes coma Andrés do Barro ou Juan Pardo estaban a ter a nivel estatal, cunhas composicións onde a tesitura política da época non tiña espazo. A este feixe de cantautores uníronse outros nomes, o de Bibiano Morón e o do finado Suso Vaamonde quizais os máis recoñecidos, e con notoria influencia da nova cançó catalá e de persoeiros coma Raimon e o Zeca Afonso, que chegou a compartir escenario unha chea de veces con moitos deles, artellaron a alternativa  galega na loita musical contra a ditadura. De feito o único atranco que atopou o grupo Voces Ceibes na súa andaina foi o escaso calado que a súa proposta, excesivamente politizada e culturalmente elitista nunha época en que a nosa cultura non estaba ao alcance da poboación, que non chegaba a callar na xente que,  desgrazadamente, descoñecía por exemplo a figura do poeta Celso Emilio Ferreiro, abondosamente versionado no repertorio común que aqueles cantautores interpretaban. Despois de multas, prohibición de intepretar certos temas nos concertos e da sempiterna presenza da policía nos seus concertos, o grupo desfíxose en 1974, para continuaren os seus membros traxectorias por separado.