Imprimir |  Close this window

Zurrumalla

Zurrumalla

Zurrumalla naceu como grupo alá por febreiro do ano 2.000 cando un grupo de amigos decidiu dar pulo aos seus anceios e inquedanzas musicais. E así deu en crear un universo propio, -no que se din sentir ledos e orgullosos-, alicerzado nas notas que lle sacan á historia e á tradición musical do país. Unha formación que leva once anos estudando e tocando por toda Galiza a música tradicional e consegue facer de cada actuación unha festa; cun estilo musical baseado no tradicional mais próximo a un folk propio, achegan composicións e arranxos que fan as ledicias do público. 
Recollendo os seus primeiros once anos de percorrido, Zurrumalla edita un traballo discográfico en dous CDs, que inclúe un repertorio de vintecinco pezas titulado O que había e… O que hai” no 2011. Como eles mesmos din, a dilixencia non é unha das súas virtudes e cando decidiron gravar o CD tiveron mágoa de desbotar por excesivo o material acumulado ao longo deses once anos. Xa que logo, editaron un dobre CD no que, a primeira parte está dedicada ás pezas que tocaron ao longo dos primeiros sete ou oito anos de andainas - é "O que había"-, e a segunda -"O que hai"-, a temas máis recentes e de composición propia.

Imprimir |  Close this window