Xa está a chegar a IV Muiñada de Vimianzo

Primeiramente comezar pedindo desculpas, por ter tan parada a web estes últimos meses. Pouquiño a pouco tentaremos ir retomando a actividade normal.

O Próximo sábado 20 de Outubro Vimianzo volta á época da infancia de moitas veciñas e veciños, ou inclusive das súas nais e avoas. Un pasado labrego que se lembra con foliada, concertos, magosto, teatro, gastronomía, xogos, obradoiros e unha morea de actividades.

O vindeiro 20 de outubro a A.C. Cherinkas vai revivir a tradición un ano máis.

Van recuperar os traballos asociados ao millo como a esfollada, o debullado e finalmente o moer que se poderá ver ao vivo no propio Muíño da Agra, monumento anterior ao século XVIII. E entre as novidades deste ano destacan a demostración de artesanía ao vivo na contorna do muíño, ao xeito dunha feira das de antes.

A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saíndo do Muíño da Agra e trasladárase ás rúas e diferentes establecementos da vila, cos Cantos de Taberna.

Pola tarde a festa vivirase baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas, Artesanía ao Vivo, exposición de imaxes antigas de Soneira. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes. Actividades para os cativos da casa durante a tarde con diferentes xogos ou a obra “Raposadas” con Raquel Queizás, unha selección de contos tradicionais galegos de animais. Haberá tamén visita teatralizada ao Muíño da Agra, competición de debullado de millo, obradoiros de filloas e amasado de pan entre outras cousas. Para dar paso ao primeiro concerto á tardiña, previamente  a cea, e ir quecendo motores co magosto e a foliada, antes de dar paso aos concertos que poñerán peche ao día.

Deixámosvos un vídeo da pasada edición para que vos entre o fervello de arrimarvos.




PROGRAMA

13h

Cantos de Taberna (Vila)

16h

Sesión Café de Pota

Ofrenda aos Tempos

Apertura de Artesanía ao Vivo

Apertura de Exposición Fotos

16h15

Teatro infantil: Raquel Queizás

17h00

Visita Teatralizada ao Muíño

17h45

Debullada de Millo

18h15

Sesión Filloa

Obradoiro de Amasado

Obradoiro de Elaboración de Filloas

19h

Davide Salvado

20h

CEA E MAGOSTO

FOLIADA: “Maruxía” de Laxe, “O Son do Castro” de Borneiro, “Abaladeiras” de Muxía e “Trubisquiña” de Vimianzo

22h30

Tombalobos Orquestra

A Banda Da Balbina

Skandalo GZ


alt

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto